A directora da residencia con máis casos de Galicia: «Oxalá alguén me puidese dicir que se fixo mal»

SOCIEDADE

XOAN CARLOS GIL

Despois de 116 usuarios contaxiados e uns 30 falecidos, os dous últimos de Aldán curáronse; Laura Cancelo asegura que non saben como entrou o virus

02 jun 2020 . Actualizado ás 00:24 h.

A residencia galega máis invadida polo coronavirus anunciou este sábado que os dous últimos usuarios con covid-19 deron negativo nas últimas probas. No centro de DomusVi en Aldán (Cangas) chegaron a ter a 116 usuarios e 17 traballadores infectados e foi a primeira intervida pola Xunta xunto coa de Barreiro (Vigo). Laura Cancelo é a súa directora.

­—Cando remata a intervención da Xunta?

­

—Non hai unha data oficial. En principio, cando os residentes que están na residencia integrada de Panxón [á que se trasladaron usuarios sans de Aldán e Barreiro] regresen ao centro. Supoño que agora faremos unha especie de corentena de 15 días, pero seguimos as instrucións que nos van dando.

—Son a residencia con máis casos de Galicia. Como o viviron?

—O principio foi moi duro, foi un shock emocional. Non somos un hospital, os enfermos son persoas coas que convivimos. Traballamos para intentar salvar a maior parte de vidas posible. Tivemos que converternos en hospital dun día para outro. Estivemos a traballar mañá, tarde e noite para poder falar con todas as familias, pero non nos chegaban as mans nin as liñas telefónicas. Cando se estabilizou a situación, a comunicación era diaria.

—No seu caso foi todo moi rápido. Pasaron de 5 casos a máis de 100 nun día.

—Ese día non se nos esquece a ninguén. Fixéronnos as probas aos 150 residentes e 90 traballadores o mesmo día. Cos resultados... Pero todo o mundo o deu todo, os compañeiros viñan traballar todos os días, non quedaban nin a descansar. Se algo positivo se pode sacar é este esforzo e este traballo. Conseguiuse controlar todo o que se puido. Moitos traballadores estiveron moitos días fóra das súas casas, deixaron aos fillos pequenos con familiares, porque traballabamos con moitas persoas positivas. A pena que queda é que a eles ninguén llo recoñece.

—Como entrou o virus no centro?

—Non se soubo o motivo. Está claro que veu de fóra. Puido ser un familiar, un provedor, un traballador... Non temos ningunha sospeita. 

—Cantos faleceron ao final? 

—É un dato que ten que dar a Administración. Nós notificámolo a diario.

—Ao redor de 30? [A Xunta non aclara cantas persoas falecen de cada residencia, só dá o total de Galicia]

—Ao redor, si.

—Como será o futuro inmediato?

—O que máis preocupa ás familias son as visitas. Estamos a desexar que volva a nova normalidade, pero nós non pomos as datas, ponas a Xunta. Cada vez que hai un movemento téñennolo que aprobar as áreas sanitarias. No plan para as residencias hai tres fases. Nós estamos na fase 0 ata que pasen quince días desde o último negativo, incluídos os traballadores [hai seis contaxiados, aínda, segundo os datos oficiais]. Agardamos que a próxima semana faránselles as probas e que dean negativo. As autoridades sanitarias din quen pasa de fase e quen non. As visitas van ter un protocolo moi estrito. Serán con cita previa, unha duración determinada. Outros compañeiros xa o están facendo e son sobre media hora de visita. Estamos a empezar a traballar doutro xeito.

«Nós estamos na fase 0 ata que pasen quince días desde o último negativo, incluídos os traballadores»

—Como eran antes?

—Antes podía vir todo o mundo. Unha residencia non é un hospital, é unha casa. Sempre tivemos esta transparencia. A familia podía entrar aos cuartos, o número de persoas que quixesen, salvo en horarios de comidas e descanso. Agora non poderá ser así, estarán limitadas e non se poderá pasar aos cuartos. Xa estamos a facer actividades en grupos de cinco persoas e o comedor hase organizado mantendo a distancia.

—Algunha familia halles manifestado que queiran sacar aos seus da residencia?

—Non. Deuse a oportunidade ao principio a quen negativizara. Foise unha persoa a domicilio mentres durase isto. 

—O colectivo REDE, de familiares, anunciou denuncias pola xestión das residencias. Houbo neglixencia na súa xestión?

—Desde primeiros de marzo seguimos as indicacións da Xunta. A nivel da empresa mandábannos unhas directrices e A xunta outras. Ían máis ou menos á vez, e onde non, seguiamos á Xunta. Houbo visitas ata que se decretou o estado de alarma, non se puideron prohibir antes. Oxalá alguén me puidese dicir que se fixo mal, porque se alguén o soubese, [o virus] non tería entrado. Como directora me fago moitas preguntas. Pregunteime se había algún motivo concreto, pero ninguén mo dixo. Houbo unha pandemia. Se me dixesen que houbo mala praxe, eu sería a primeira en dicilo. O traballo hase feito sempre igual. Se [o virus] entrou, seguramente algunha persoa tróuxoo de fóra e estendeuse. Entre a xente maior hai máis probabilidades. É o que se sabe. Aínda sigo aprendendo cousas novas cada día e van cambiando os protocolos. Non lle desexo isto a ninguén.

«Houbo visitas ata que se decretou o estado de alarma, non se puideron prohibir antes»

—Como se expoñen o futuro a medio prazo?

—Imaxino que a medio prazo todo se baseará na vacina. Se algún día se pode falar de normalidade será con vacina.

—Como o viviron os residentes?

—Moi angustiados. Nos medios non se falaba doutra cousa. Ao principio, o médico intentou tranquilizalos. Pero os medios dicían continuamente que se ían pór enfermos e que se ían morrer. Desde a Xunta, a mediados de mes [de marzo] mandan confinamento en cuartos para evitar contagios. Para eles foi complicado non ver ás súas familias. Desde a primeira semana [dacabalo entre marzo e abril] reforzamos o persoal para facer videollamadas. Vivíronse momentos durísimos. As persoas que faleceron non puideron ver aos seus familiares. Sempre intentamos que haxa visita da familia. Pero ninguén estivo só en ningún momento. Hai compañeiras que finalizaban a súa quenda e, se alguén se puxo malito, quedaban acompañándoo no cuarto para que non estivese só. Vin unha gran calidade humana.