Copas e música ao pedir de boca

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Xoán Carlos Gil

O Sinatra realiza envíos a domicilio dun paquete de combinados e sesións de dj

30 may 2020 . Actualizado ás 00:56 h.

A desescalada non permite aínda a apertura de locais de lecer nocturno, pero iso non significa que os grupos de amigos, que cumpran coas normas correspondentes á fase 2, poidan amenizar unha reunión coma se estivesen na barra ou na pista do seu pub favorito. Así o pensaron os propietarios da coctelería Sinatra.

O plan trazado é levar as copas e as seleccións de música do seu establecemento aos fogares de quen o demanden. Para iso valéronse do Amazon vigués, a aplicación Dbarrio, para pór no mercado un servizo a domicilio de lecer nocturno.

«Empregamos a aplicación Dbarrio, que fan repartición a domicilio. Na súa páxina podes comprar un dos tres packs que ofrecemos e eles lévancho a casa», explica Miguel Ojea, un dos propietarios do Sinatra. Cada un dos paquetes contén todo o necesario para facer uns combinados. Os prezos oscilan entre os 35 e os 50 euros. Levan seis refrescos, froita deshidratada, bomboncitos, revolvedores e licor. Todo vai perfectamente recollido nunha caixa que ten o mesmo labor que un maletín. «A xente pode compralo a través de Dbarrio ou a través do noso Facebook», engade Miguel Ojea.

Así xa estaría ben a cousa, pero é que a proposta da Coctelería Sinatra pretende achegar algo da esencia do local. «Cada un dos paquetes contén un pen drive cunha sesión de música realizada por Jacobo e Jorge, que son os nosos dilleis. Temos varios, pero eles dous fai o 70 % das sesións no bar», explica un dos responsables da sala viguesa.

Aínda que a oferta é moi recente, xa comezaron a ter resposta, mesmo, segundo afirma, fixéronlles un pedido desde Madrid. «Unha cousa bastante particular», apostila Ojea. En canto ás perspectivas da singular proposta, é consciente de que agora a xente xa pode saír á rúa, pero «a medida que empecen as ceas de amigos en casas, supoño que terá máis resposta a nosa oferta».

Na fotografía, José Argibay, outro dos propietarios do local, mostra un dos maletíns onde se envían o material para realizar os combinados e a música.

Desde hai unhas semanas, a Coctelería Sinatra comezou a asomar a cabeza con distintas iniciativas, se ben aínda non saben cando poderán abrir. Aínda co local pechado, o domingo, ás 13.00 horas, acollerán un concerto da banda viguesa The Soul Jacket. Poderá seguirse por streaming. Iso si, como os músicos tamén comen, haberá que pasar por caixa para velos. As entradas xa están á venda en https://vuvuzela.é/produto/the-soul-jacket-streaming/ As entrada custan 5,50 euros.