As ondas atmosféricas de Rossby deixan temperaturas extremas en Galicia

SOCIEDADE

Despois dunha noite que foi tropical ao longo do día os termómetros chegaron aos 34 graos en Ourense ou Quiroga

28 may 2020 . Actualizado ás 15:28 h.

A situación atmosférica actual podería favorecer que se rexistren valores de marca para o mes de maio. A pasada madrugada foi tropical en moitas zonas de Galicia e mesmo ecuatorial, con mínimas que acadaron ou superaron os 25 graos. As máximas ata o venres estarán por amais dos 36 graos nalgunhas localidades, especialmente do sur e interior. Este mércores as máximas rexistráronse en Ourense e Quiroga, con 34 graos. Pouco por detrás quedou Monforte con 33. Localidades como Melide ou Arteixo rexistraron 31 graos. A noite agárdase, como a anterior, de temperaturas tropicais. 

Detrás destas temperaturas tan altas atópase a configuración das ondas de Rossby, que descubriu o meteorólogo Carl-Gustaf Rossby en 1939, o primeiro en describir a dinámica da física de fluídos. Rossby formouse con Vilhelm Bjerknes, o creador da escola de Bergen. Os científicos que traballaron nela están considerados como os pais fundadores desta disciplina.

O jet stream xera estas ondas atmosféricas que reparten o frío e a calor por todo o hemisferio norte. O meandro ascendente que canaliza o aire africano acadará nos próximos días o extremo norte de Europa. A lingua de aire cálido concéntrase sobre todo no oeste da Península e isto favorece que as anomalías térmicas se concentren sobre todo na comunidade galega.

Mañá Meteogalicia volve activar un aviso no Miño de Ourense e Pontevedra por cifras que chegarán polo menos ata os 36 graos. A intensa calor tamén favorecerá que se formen sistemas tormentosos. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou avisos amarelos en interior da Coruña, Lugo e norte de Ourense por intenso aparello eléctrico. O venres será outra xornada moi cálida, aínda que as mínimas descenderán lixeiramente, algo que favorecerá o descanso xa que cando superan os 20 graos resulta difícil conciliar o soño.

Radiación ultravioleta

Ademais de temperaturas extremas, o nivel de radiación ultravioleta está a rexistrar valores moi altos. A potente influencia do anticiclón dos Azores favorece que o ceo estea moi despexado. O índice de intensidade ultravioleta oscila entre un e nove e aumenta e diminúe segundo a época do ano. Agora mesmo, o valor atópase en ascenso e seguirá así durante os próximos meses xa que cada día que pasa o solsticio de verán está máis preto. Iso significa que o sol se atopa na súa altura máxima respecto ao horizonte de todo o ano. A cifra oscila esta semana entre 8 e 9. Con estas condicións recoméndase un tempo máximo de exposición de quince minutos e ademais usar un factor 50 de protección solar. O peor momento para tomar o sol sempre é durante o mediodía, cando acada o cénit.

Afortunadamente os niveis de ozono xa se recuperaron no extremo norte tras a formación dun buraco un inédito buraco na atmosfera polar a comezos de ano e podemos contar co escudo natural que protexe aos seres humanos fronte á radiación ultravioleta. En calquera caso os expertos están a recomendar extrémense as precaucións á hora de exporse ao sol. 

NASA