Unha carballiñesa camiño de Miss España

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

SOCIEDADE

Lucía Lamas es la candida a Miss World Spain en representación de la provincia de Ourense
Lucía Lamas é a candida a Miss World Spain en representación da provincia de Ourense Santi M. Amil

A moza do Carballiño, Lucía Lamas, representará a Ourense no certame nacional en xullo

27 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Lucía Lamas é unha moza do Carballiño a piques de cumprir 20 anos. Estuda Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Santiago e ata este decembro admite que non se expuxo ser modelo. Fíxoo cando a empresa que organiza a gala de Miss Mundo España contactouna a través de Instagram para ofrecerlle representar a Ourense no concurso. «Aceptei sen dubidalo cando descubrín todos os valores que promove o concurso. Non só se trata de beleza. O que máis me motivou é que cada candidata temos que levar a cabo un proxecto social cunha oenegué», explica. Tívoo claro desde o principio e escolleu a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. «Non o dubidei, quería colaborar con eles e dar visibilidade á loita contra o cancro infantil», confesa.

Co estado de alarma aprazouse o certame, que tiña que realizarse a principios de xuño nas instalacións de Marina d'Or, pero agora xa conta con novas datas: do 19 ao 26 de xullo. «Aproveitei o confinamento para preparar as distintas probas do concurso. Especialmente a de deportes, con adestramentos diarios, e a de talentos, na que vou tocar a gaita galega», di. Combinouno co estudo dos exames da súa carreira, que fará en xuño por Internet debida á situación actual, e tamén coa elección dos recunchos de Ourense que presentará ao xurado. «Temos que montar uns vídeos para dar a coñecer a nosa provincia e é algo que me fai moita ilusión», conta. Nas galas lucirá roupa ourensá, de Silvia Fernández Atelier e de Angélica Moda. Di que non está nerviosa e que intentará gozalo ao máximo.