O peche dos institutos pola Ascensión dificúltalles reabrir o luns, e prevén pouco alumnado

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Sandra Alonso

Os centros apuraron onte a organización de espazos e medidas de seguridade para renovar a actividade

21 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os institutos de secundaria e os centros integrados de formación profesional de Santiago apuraron onte a organización de espazos e medidas de seguridade para reabrir o luns. Centraranse moi especialmente nas materias que entran nas probas de acceso á universidade (as ABAU), co alumnado de bacharelato; e nas tutorías que demanden estudantes de FP. En todos os casos a asistencia é voluntaria. Ademais do festivo de hoxe, os centros incluíron nos seus calendarios escolares descansar tamén mañá, como é habitual pola Ascensión, e iso dificultou a posta a punto.

Nos IES Antonio Fraguas e Rosalía de Castro tiñan organizadas videoconferencias co alumnado pola tarde para coñecer a asistencia, aínda que en xeral prevén pouco alumnado. Os institutos Xelmírez II, Fraguas, Eduardo Pondal e Sar só recibirán alumnado de segundo de bacharelato; e os centros integrados Compostela e Politécnico, só de FP; os nove institutos restantes abrirán para ambas as modalidades.

No Antonio Fraguas «abrimos catro aulas, con cita previa, para preparar só as materias que entran nas ABAU», explica o seu director, Carlos Encisa. Aínda que en segundo de bacharelato teñen 104 estudantes, acudirán un máximo de 36 cada día. Ofreceranlles tres aulas, de hora e media (de 9.00 a 10.30, de 11.00 a 12.30 e de 13.00 a 14.30); con descansos de media hora, que se aproveitarán para limpar e desinfectar as salas. A organización da cita previa será a través de WhatsApp, e créanse catro grupos, un para cada aula, sinala.

A organización complicouse ademais onte porque, desde as 11.00, a Consellería de Educación e os sindicatos acababan de perfilar os detalles para a reapertura, e esa reunión demorouse catro horas. Os centros recibiron con satisfacción a dispensación de acudir ao profesorado con riscos de saúde, pois pola mañá era unha preocupación: «Esperamos que se substitúan eses docentes que non acudan por riscos de saúde, senón haberá problemas para atender ben o alumnado, pois o resto do profesorado está sobrecargado», afirma Manuel Portas, director do IES Xelmírez I. Nos contactos que mantiveron co alumnado desde o luns detectaron estudantes «moi preocupados polo risco dun posíbel contaxio, aínda que adoptamos todas as medidas de seguridade», sostén. Neste centro valoran poder celebrar claustros e outras reunións de profesorado presenciais «pois temos espazos amplos, como o salón de actos, a aula magna, ou os laboratorios», destaca o director.

A inquietude pola sobrecarga docente compartíaa Xavier Mouriño, do IES Rosalía de Castro: «Teremos que traballar o dobre: para atender aos que veñan e tamén aos que non veñan, telematicamente. Haberá docentes que deberán estar máis pendentes. E non só dos de segundo de bacharelato, pois hai profesorado que ten aulas tamén en primeiro de bacharelato e na ESO», manifesta. En cada aula haberá un máximo de 12 estudantes e «seremos moi rigorosos no control da entrada, nas distancia de seguridade ou no uso de máscaras, para preservar a saúde das familias, do alumnado e de todo o persoal docente e non docente do centro», indica Mouriño.

No IES Pontepedriña «parte do alumnado de FP Dual, do ciclo que temos con Vegalsa Eroski, comezou a actividade; o resto seguramente xa non a retomará este curso», afirma o director, Javier Dapena.

O IES Lamas de Abade pretende avaliar presencialmente algúns proxectos de FP

O IES Lamas de Abade é, en teoría, o que máis alumnado podería recibir o luns: ademais do de segundo curso dos bacharelatos de ciencias e de humanidades, teñen once ciclos de FP con estudantes que finalizan a titulación: «A maioría do alumnado de bacharelato di que non pensa vir, pois agora prefiren as aulas telematicamente. Tamén temos moito alumnado de fóra con problemas para acudir presencialmente, sobre todo de FP», di a directora, Dolores Picón. Todo o alumnado que podería acudir o luns está conectado, con equipos que lles cederon a Consellería de Educación e o Centro Autonómico de Formación de Profesorado, e outros que comprou o propio instituto: «Penso que están ben cubertas as necesidades. Tamén se van avaliar telematicamente na FP os traballos que substitúen as prácticas en empresas. E algúns proxectos de fin de estudos nos ciclos superiores, aínda que para algúns proxectos concretos hai profesorado que ten especial interese en que a exposición sexa presencial», agrega

Este centro cedeu máscaras, luvas e outro material ao CHUS ao comezo da pandemia. Educación repúxolles algún, pero tiveron que comprar a maioría do que precisan para reabrir. A última hora da mañá de onte tiñan xa practicamente todo listo, aseguraba Picón.