As editoriais galegas volven publicar as súas novidades

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Óscar Vázquez

Galaxia e Xerais comezan a reconstruír a normalidade do libro

15 may 2020 . Actualizado ás 12:57 h.

«Todo o sector editorial coincide: foi unha hecatombe», di Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. Os dous meses de confinamento provocaron unha parálise practicamente total no sector editorial tanto na edición de novos libros como na súas vendas. Agora, a industria do libro trata de buscar unha certa normalidade aínda que sen os modelos empregados ata o pasado 14 de marzo. «É preferible agora reforzar a estratexia de promoción on line e agardar ao outono para buscar o momento axeitado de que se poida ter unha certa normalidade», sinala Fran Alonso, o director xeral de Edicións Xerais. «Non podemos facer actos, que para nós eran moi importantes; durante o confinamento ensaiamos varios clubes de lectura on line e funcionaron moi ben», engade Francisco Castro.

As dúas grandes editoras galegas, ámbalas dúas con sede en Vigo, comezaron xa a enviar as librerías as súas novidades, aínda que todo rexido pola prudencia e o retraso. «Moitos dos libros previstos para este ano teñen que pasar para o ano que ven porque a situación obríganos a ser máis conservadores, pero pouco a pouco intentando buscar unha certa normalidade», afirma Francisco Castro. Pola súa banda, Fran Alonso recorda que só puideron enviar a metade das novidades de libros ás librerías, e agora acumúlanse os libros xa impresos que tiñan que saír en abril e maio. «Unha boa parte da publicación dos libros ímola adiar ata o vindeiro ano porque este non podemos asumir a carga prevista; sería matar os libros que non se van poder rendibilizar», di o director de Xerais.

Coa chegada da primavera, nun ano normal as feiras de libros vanse sucedendo por Galica adiante. Son un escaparate para darlles visibilidade as novidades editoriais, pero este ano non van poder cumprir coa súa misión. «A feira de Vigo, polas noticias que eu teño, non se vai facer, e a da Coruña eu dubido que se faga, o lóxico é pasar todo para outono, como se fixo na feira de Madrid. As feiras sen afluencia son inútiles. Ademais, unha boa parte das feiras xa se tiñan que ter realizado e non foi posible», explica Fran Alonso.

Francisco Castro recorda que as editoriais, especialmente as galegas, teñen un sector de vendas moi importante vencellado ao ensino, e este tamén está pechado, o que levou ao sector á paralización total.

Xerais ven de publicar seis novos libros nesta mesma semana, e Galaxia enviará a vindeira semana ás librerías cerca de dez novos títulos. Esta última editorial, que cumpre no 2020 setenta anos, publicará nas vindeiras semanas a tradución ao galego o ensaio Pandemia, do esloveno Slavoj Zizek