Os colexios abren sen clases e aínda con alumnado sen poder conectarse

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

xoan a. adoitar

Esta semana entregan máis material a familias e definen a reprogramación docente

12 may 2020 . Actualizado ás 00:34 h.

Os colexios reabren hoxe as súas portas (algún, como Compaña de María, mañá e tarde) para atender solicitudes de admisión de novo alumnado de infantil, primaria, ESO e bacharelatos, e outros trámites. Non hai clases, e en todos os niveis dubidan se regresará a actividade presencial este curso. «Para podermos recibir alumnado de novo deberíamos ter xa máis información, como acontece noutras comunidades», afirma Javier Dapena, director do IES Pontepedriña e portavoz dos directores dos institutos de Santiago.

No López Ferreiro funcionan desde hoxe «con cita, para evitar aglomeracións, tanto para tramitar a matrícula como para entregar o material ás familias que o necesiten», di o director, Xosé Ramón Carril. No Apóstolo Santiago, polo alto ritmo de solicitudes de praza que tiñan «pensamos que teremos que baremar algúns cursos, pois moitas familias están pendentes de entregar a documentación», afirma a directora, Delfina Bañobre.

Esta semana continuará a repartición de computadores e conexións á Rede a alumnos que non contactan ben cos centros desde que comezou o estado de alarma. O Concello distribúelles medios e critica que a Consellería de Educación non teña cuberto esas as necesidades. Nos centros compraron tamén equipos con fondos propios, incluídas conexións e datos ata fin de curso, para emendar necesidades. En Compaña de María envían apuntamentos e material didáctico a casa a quen non puideron dotar de medios, aínda que «o noso profesorado, desde infantil a bacharelato, contacta co alumnado a diario e reorganizamos a docencia con novos horarios. Temos aulas fluídas, e notamos moito apoio das familias», explica María Antonieta Rodríguez-Cadarso, directiva do centro.

Nos centros apuran a reprogramación das materias. Deberana entregar esta semana e divulgala nas súas páxinas web. Aí definirán os criterios para que aprobe o alumnado con materias suspensas nas dúas primeiras avaliacións; ou como valorarán o traballo deste trimestre.

Os problemas son dispares, como cos libros prestados: «hai miles nos institutos e estamos a dialogar entre as direccións dos institutos da cidade para ver como se recollen os libros de texto e os das bibliotecas; e como se fará para os poder prestar de novo o próximo curso. O certo é que hai moitas respostas pendentes, e unha sensación de inseguridade e orfandade nos equipos directivos; mesmo compramos os elementos de seguridade laboral para podermos abrir o luns con fondos propios, non os enviou a consellería», indica Dapena. No seu centro «dúas empresas están dispostas a chamar o alumnado dun ciclo de FP dual, e se así é hai que esclarecer as condicións de seguridade dese alumnado», sostén.

De cara ao próximo curso, o Apóstolo Santiago ten moito espazo, que deixou libre a Escola Municipal de Música, pero «cómpren obras para que o poidamos REVISAR usar, como está non nos vale», di a súa directora. En Compaña de María «os espazos para podermos atender ben aulas de 30 estudantes son insuficientes, estamos vendo como planificamos», di Rodríguez-Cadarso. Aínda que antes hai que acabar este curso. E está difícil, admiten.

Os centros non contemplan actividade presencial este curso e aprazan as Letras Galegas

Ningún dos centros consultados contempla volver a clases este curso. Aínda que non descartan que en infantil poidan pedirlles reabrir para familias que o precisen por necesidades de conciliación «que deberían xustificar», di Rodríguez-Cadarso, de Compaña de María. Tamén en cuarto de ESO, para preparar a titulación; en segundo de bacharelato, pola selectividade; e en segundo de ciclos, para perfilar o proxecto o alumnado que non faga prácticas, ou mesmo «facer algunhas probas de recuperación», di Ramiro Esparís, director do CIFP Compostela.

As Letras Galegas, a programación cultural máis forte do curso en moitos caos, aprázana para outubro. Xavier Mouriño, do IES Rosalía, onde foi profesor Carvalho Calero (a figura homenaxeada) explica que empezan cun blogue virtual onde colgarán materiais artísticos e outros; pero un acto coa Real Academia Galega ou unha exposición que tiñan prevista quedan para outubro, avanza.