Tres novos falecementos elevan a 16 os rexistrados na área de Santiago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

PACO RODRÍGUEZ

Unha muller de 77 anos que levaba dúas semanas en coidados intensivos no Clínico, a recuperación máis destacada deste mércores

01 abr 2020 . Actualizado ás 23:58 h.

O balance de falecidos na área sanitaria de Santiago e Barbanza non deixa de crecer. Onte, tres máis, os tres homes e con patoloxías previas, de 75, 83 e 85 anos de idade, co que xa son 16 as persoas que perderon a vida nesta zona desde que comezou a crise do coronavirus.

Con todo, tamén hai noticias positivas: onte produciuse a alta da unidade de críticos do Hospital Clínico, para hospitalización convencional, dunha muller de 77 anos que ingresou nesa unidade o 17 de marzo con comorbilidades, tras agravarse a súa situación. Esta muller necesitou ventilación mecánica durante catorce días e hemofiltración para soporte da súa función renal, técnica esta que precisan ao redor do 17 % dos pacientes de Covid-19 ingresados en unidades de críticos. Pero non foi a única alta de críticos, pois xa subiron a planta sete destes enfermos internados no CHUS. A primeira foi unha muller de 72 anos que saíu o pasado martes.

Segundo o informe da área sanitaria difundido onte ao mediodía, son 581 os casos de persoas infectadas por coronavirus, 34 máis que o día anterior, o que supón un lixeiro repunte, xa que nas anteriores 24 horas contabilizáronse só 18 novos contaxiados. Deles, 137 están hospitalizados, 117 en hospitalización convencional (seis no hospital HM Rosaleda, tres no de Barbanza e o resto no Clínico compostelán), e vinte en unidades de críticos, todos no Clínico menos un que permanece na Rosaleda. Ata o momento son 41 as altas hospitalarias rexistradas, trece máis. O resto das persoas afectadas por esta enfermidade están a seguimento nos seus domicilios. Ademais, realizáronse 3.076 probas PCR para tratar de confirmar os contagios, 251 máis que o día anterior.