Os equipos que entraron nas residencias de Cangas e Barreiro critican as súas carencias

SOCIEDADE

Óscar Vázquez

Un médico do Sergas certifica a falta de persoal do centro privado do Morrazo

02 abr 2020 . Actualizado ás 09:59 h.

Un continxente de sanitarios e auxiliares tomou desde onte o control da residencia DomusVi de Cangas, na que son xa seis os anciáns falecidos, 107 os que deron positivo en coronavirus e 17 empregados.

O clamor e as bágoas dos familiares implorando información sobre os seus maiores deu paso a unha calma tensa. A preocupación mantense en niveis altos, pero agora, moitos xa saben como están os seus familiares.

«¡Sabemos que está viva!», di Lupe sobre a súa nai. Ofreceuse a limpar aos residentes, a desinfectar o centro, a durmir sobre un colchón nunha esquina con tal de saber algo sobre Elvira, a súa nai. Ela e a súa irmá non pararon ata que alguén lle dixese algo, e ao fin contáronlle o mellor que podían oír.

Oficialmente aínda non recibiu información da residencia, agora intervida pola Xunta, que designou a un director para o centro de Cangas e para do DomusVi en Barreiro. «Atopamos un persoal superado, certa falta de experiencia nalgúns casos, froito dun cadro de persoal con cambios e relevos continuos», indican desde os equipos que tomaron o control das dúas residencias, os dous principais focos de contaxio do coronavirus en Galicia.

Os testemuños consultados refiren que ata onte houbo unha notable falta de material de protección para os traballadores, e en definitiva un persoal moi por baixo do necesario en función do número de residentes (150). «Para atender a 105 contaxiados estabamos dez, pero o peor é que se mestura o sucio co limpo, entran carros sucios nos vestiarios de limpo, as bolsas amontóanse por corredores e cuartos», un desastre, enumera unha das contratadas polo Sergas que onte chegou ao centro «É unha tolemia, non hai nin protocolos. Haberá sin duda máis casos aquí».

Crítica aberta

«Certifico ante un xuíz ou onde faga falta que a carencia de persoal que tivo a residencia de Cangas era evidente», sinala Jorge Cameselle, médico do Sergas no PAC da localidade do Morrazo. O facultativo de urxencias extrahospitalarias non dubidou en publicar nas súas contas en redes sociais a súa experiencia como médico que asistiu a anciáns da residencia privada en múltiples ocasións. «Quero certificar que son certas as denuncias que están a saír á luz por parte dos traballadores desta residencia. Os cocientes de traballadores por residente, o tipo de contratos precarios, as súas condicións laborais durante todos estes anos e as medidas de protección ofrecidas fronte ao COVID-19 foron propias do terceiro mundo», manifesta.

Apenas quere engadir nada máis, xa que considera que este momento é o de emendar a situación, atender aos maiores e dar medios aos traballadores, pero considera que o coronavirus está a sacar á luz algúns efectos «da xestión privada o estado do benestar».

Os non positivos de Vigo e Cangas, hoxe a Patos

A residencia de tempo libre de Patos (Nigrán) empezará hoxe a recibir a parte dos maiores que viven nos DomusVi de Cangas e de Vigo e que non deron positivo nos test de coronavirus. Só serán trasladados os que sigan dando negativo nunha segunda análise. Traballadores da Xunta, equipos de limpeza e brigadas de Protección Civil reuníronse onte en Patos para preparar o traslado, mentres os veciños da contorna agradecen que só vaian ser trasladados os non contaxiados. 

Case 600 afectados en centros asistenciais

As dúas residencias de maiores de DomusVi en Cangas e Barreiro seguen sendo os dous principais focos do coronavirus en Galicia

 

As dúas residencias de maiores de DomusVi en Cangas e Barreiro seguen sendo os dous principais focos do coronavirus en Galicia. 107 contaxiados e seis mortos no primeiro e 72 positivos e cinco falecidos no segundo. Pero son xa 589 en total os usuarios de centros asistenciais e traballadores de toda a comunidade afectados pola pandemia. Ademais dos casos dos dous centros da área de Vigo outras vinte faleceron xa en residencias de maiores.

No caso das residencias a Consellería de Política Social consignou 47 contagios máis deas anciáns, e 27 nos seus cadros de persoal. Semella controlada en cambio a pandemia nos centros especiais, onde non hai máis usuarios afectados (37), aínda que si outros 5 empregados (31).