«Come a comarca» mostra esta noite a gastronomía da Terra de Lemos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

CARLOS CORTÉS

Os equipos deberán cociñar un menú composto por sopas de allo, corzo e larpeira

01 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O programa da TVG Come a comarca (22.30 horas) chega esta noite á Terra de Lemos para descubrir a súa gastronomía máis típica. Nesta ocasión, os cinco cociñeiros afeccionados deberán aprender primeiro a cociñar os pratos máis típicos da zona, como son as sopas de allo, o corzo estufado e a torta larpeira. Unha vez que dominen a técnica, competirán contra varios dos cociñeiros máis famosos da comarca para que un esixente xurado, formado neste caso por quince veciños, elixa cal dos dous menús é o gañador.

Os concursantes do programa, producido por Voz Audiovisual e que presenta Fran Cañotas, serán guiados a través da gastronomía da Terra de Lemos por Carlos González, xefe do restaurante O Merenzao, en Sober, que será o «infiltrado». Ademais visitarán o Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte, onde José Gonda, un ferroviario xubilado, lles contará a singular relación histórica entre as sopas de allo e o tren e como este prato se converteu nun dos máis típicos da zona. De seguido deberán aprender a receita e a encargada de ensinarlla será Elena Losada, cociñeira da hospedaxe O Ruso, en Escairón.

Unha vez visto o entrante, a súa seguinte parada será o restaurante O Grelo, en Monforte, un auténtico referente na preparación da carne de caza, un manxar moi degustado en todo o interior da provincia de Lugo. Alí coñecerán todos os segredos para elaborar un saboroso corzo estufado. E para a larpeira será o reposteiro Martín Mantilla, da panadería Escairón, o encargado de darlles todas as claves para saber facer esta coñecida sobremesa.

Os cinco cociñeiros afeccionados enfrontáranse na praza de España de Monforte aos mellores cociñeiros da comarca, especialistas en elaborar día a día nos seus establecementos os típicos pratos que compoñen o menú. Eles son Simón Otero e Carmela Rodríguez, á fronte do restaurante Abadía de San Simón en Monforte; Xacobo García e Francisco Ángel, Prada, do Parador de Monforte e Luís Aguiar, da panadería Moure, na mesma vila. Os quince membros do xurado popular, no que participaron entre outros varios membros das asociacións Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e Xograres de Lemos, os concelleiros Gloria Prada e José Luís Losada ou o adegueiro e restaurador Emilio Rodríguez, deberán elixir cal dos dous equipos elaborou os mellores pratos.

A vindeira parada: Fisterra

A próxima semana o espazo Come a comarca achegárase á comarca de Fisterra, onde os concursantes elaborarán un menú típico da zona composto por tortilla de ourizo, caldeirada de congro e calleiro de castañas.