Resposta de cine na Torrente Ballester

SOCIEDADE

Un traballador da residencia pediu en Facebook películas para proxectar aos usuarios durante o confinamento e nunhas horas colapsáronse os teléfonos. «Teriamos para montar a filmoteca nacional», comenta a directora

31 mares 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«O asunto fóisenos de nai. Teriamos material para montar a filmoteca nacional», comenta Irene Mosquera, directora da residencia de maiores Torrente Ballester. Esta muller pasouse toda a mañá de onte contestando o teléfono e dicindo unha e outra vez grazas» e síntoo». Nunhas poucas horas montouse unha lea de película grazas á dedicación dun profesional do centro e á solidariedade da xente. Debido á situación actual os responsables desta instalación da Xunta tiveron que cambiar o programa de actividades. Os novos horarios inclúen a proxección de dúas películas, unha pola mañá e outra pola tarde. Contan con deuvedé e un televisor de pantalla grande conectados no salón de actos. Alí acoden os residentes cumprindo escrupulosamente as medidas de seguridade, como sentarse á obrigada distancia uns doutros. «As que máis lle gustan coas comedias, que veñen moi ben para esta época, e as de folklóricas españolas», apunta a directora. Tantas semanas de confinamento e tantas sesións de cine provocaron que nos andeis onde gardan as películas empezásese a percibir que en pouco tempo se ían a quedar sen títulos novos. Un enfermeiro da residencia, con toda a boa intención do mundo, ocorréuselle dar a coñecer nun post de Facebook a situación de escaseza fílmica e escribir: «Alguén podería prestarnos algunha colección de cine español dos 50/60/70. Xa sabedes: Marisol, Manolo Escobar, Conchita Velasco (tipo Cine de barrio, imos). Tamén lles gustan as do Oeste clásicas», relatou este bo home. As redes sociais do programa Voces da Coruña propagaron a mensaxe e a lea que se montou non o solucionan nin Os sete magníficos. «Esta mañá (por onte) o Sergas remitiunos unha caixa con películas e xa están perfectamente desinfectadas», explica a directora. Claro, porque tiveron que rexeitar as doazóns dos solidarios coruñeses por temas de seguridade. «Calquera cousa que entre no centro hai que desinfectala e non é tan sinxelo. Isto é como un búnker e non nos podemos arriscar a deixar pasar un material, neste caso deuvedés, que veñen de fóra sen saber a procedencia. Estamos moi agradecidos e agardo que a xente o entenda», explica a responsable desta residencia onde atenden a 96 maiores, 32 con dependencia e 64 con autonomía. «Cando isto pase falaremos cos que nos chamaron para ver se segue en pé o ofrecemento», apunta riseiro. «Eu tamén lles regalo unhas cantas», dime o académico Javier Ozores. Unha resposta de cine.