«Non se poden imaxinar as dores que tes no corpo»

L. Silvoso / P. Portabales A Coruña / LA VOZ

SOCIEDADE

Montserrat Santiso, unha coruñesa de 61 anos dada de alta tras pasar pola pneumonía do COVID-19 lembra a soidade e o medo que pasou durante a enfermidade

01 abr 2020 . Actualizado ás 19:09 h.

Tras unha semana ingresada no hospital Modelo por coronavirus, a coruñesa Montserrat Santiso (61 anos) recibiu a alta, pero continúa illada en casa.

-Como se atopa?

-Relativamente ben. Teño algo de tose e estou cansa pero, segundo os médicos, é o normal.

-Cando empezou todo?

-O domingo 15 de marzo.

-O primeiro día do confinamento.

-Si, o sábado saín a facer a compra e estaba perfectamente. O domingo empeceime a atopar mal, con tose e unhas décimas. A miña sorte ou a miña desgraza foi que o luns me caín na rúa. O sentimento que tes de soidade, tirada no chan, cando ninguén che pode axudar, é horrible. Achaquei a dor xeral do corpo á caída, pero empecei a empeorar.

-Como eran os síntomas?

-A dor e a tose incrementáronse, xa non podía respirar… Chamei ao teléfono do coronavirus, dixéronme tres días e, ao final, a miña filla decidiu levar ao Modelo, onde se viu que tiña pneumonía.

-Fixéronlle a proba?

-Si, empezaron co tratamento esa mesma noite e xa nun cuarto eu soa illada.

-Que se lle pasou pola cabeza?

-Os meus fillos... Os meus netos… A soidade... Coa xente que aplaudía na fiestra sentía unha emoción enorme; era desgarrador. E a tristeza, porque non sabía se me ía morrer [solloza].

-Apoiouse no persoal?

-Si, foron moi atentos e cariñosos comigo. Quérolles dar tantos bicos que non se pode...

-Por agora bicos, mellor que non.

-Non, non, imos ir con calma.

-Que lle diría á xente que se salta o confinamento?

-Que a xente se conciencie de que se ten que quedar en casa. Non vale ir comprar o pan todos os días; conxélase. Procurade non saír, por deus. Non saben o mal que se pasa. Non se poden imaxinar as dores que tes no corpo; deixas para comer, deixas de beber, deixas de todo, porque non podes co teu corpo.

-E amais , o illamento.

-O persoal do hospital entra moi pouco e procuran non tocarche, pero estaban súper pendentes. E enténdoo, porque os podemos contaxiar. O resto do tempo, tomábame eu a temperatura.

-Cal é a súa mensaxe?

-Que disto se sae. Que non todo o mundo se morre. Eu paseino moi mal e agora estou en casa dos meus fillos, grazas a deus.

-Cando sentiu que melloraba?

-Ao cuarto día empecei a ver melloría. Cando me puiden tomar un iogur enteiro, chorei.

-Chegou a perder gusto e olfacto?

-O sabor si o perdín.

-Escoitaba a radio?

-Si, moito. Teño a aplicación de RadioVoz no móbil e ese humor voso... Non podía rirme, pero escoitábavos. Tamén facía videollamadas cos meus fillos.

-Como fan agora en casa?

-Teño que estar illada nun cuarto quince días máis. Estou nun cuarto con baño. Déixanme a comida na porta, todo con máscara e luvas.

-E desexando que sexa 14 de abril.

-Si, e desexando abrazar aos meus catro netos e aos meus fillos. Quéroos tanto a todos. E ás miñas compañeiras do pavillón de deportes de Riazor...