Sophie Turner e Joe Jonas agardan o seu primeiro fillo

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

JASON SZENES | EFE

Polo momento nin a actriz nin o cantante confirmaron a noticia oficialmente

13 feb 2020 . Actualizado ás 13:36 h.

Sophie Turner e Joe Jonas están a agardar o seu primeiro fillo, asegurou este mércores o portal especializado de famosos Just Jared, que adiantou a noticia do embarazo da actriz antes de que tamén a confirmasen coas súas propias fontes Us Weekly e E! News, segundo recolle Efe. Por agora, nin Turner nin Jonas confirmaron de xeito oficial a noticia.

«A parella está a tratar de mantelo en silencio pero os seus amigos e familia están superemocionados por eles», afirmou a Just Jared unha fonte próxima a Turner e Jonas.

A actriz británica, coñecida principalmente por ter interpretado a Sansa Stark en Xogo de tronos, e o cantante estadounidense, membro do grupo Jonas Brothers, casaron en maio do 2019 en Las Vegas (EE.UU.). Tras pechar as oito exitosísimas tempadas da superprodución de fantasía épica de HBO , Turner, de 23 anos, presentou no 2019 a película Fénix escura, a última entrega da saga X-Men baixo o paraugas de 20th Century Fox antes de que este estudo se integrase en Disney .

A cinta, na que tamén aparecían estrelas como James McAvoy ou Jennifer Lawrence, resultou un fracaso de crítica e público e só recadou 232 millóns de euros cando o seu orzamento ascendía ata os 189 millóns de euros .

Pola súa banda, Joe Jonas, de 30 anos, regresou xunto aos seus irmáns para relanzar a carreira do grupo Jonas Brothers, que, tras máis de cinco anos separados, editaron en xuño do ano pasado o álbum Happiness Begins. «Agora temos unha visión clara do que queremos ser e falamos moito diso. Entón (cando o grupo se separou no 2013) había segredos que non nos contabamos sequera entre nós. Non falabamos do que sentiamos porque tiñamos un problema de sinceridade», confesou Joe Jonas nunha entrevista con Efe en maio de 2019.