Un galego atrapado en Wuhan: «Estáse alarmando demasiado. Eu non vin xente tirada polo chan»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDADE

O vilagarcián Salvador Abalo vive moi preto do punto 0 da epidemia do coronavirus

13 feb 2020 . Actualizado ás 20:11 h.

«Parece ser que o punto 0 sería un mercado de peixe e de carne ao que vai xente dos barrios de Wuhan. A distancia de onde vivo a ese mercado é como a que hai de Bamio a Vilaxoán». Salvador Abalo Fernández fálanos desde a urbanización na que reside desde xullo do 2017, cando se enrolou no corpo técnico da escola de fútbol do Wuhan Shangwen que xestiona a empresa catalá Nama Sport. Salvador tira de dous lugares do seu pobo, Vilagarcía, como unidade de medida para que entendamos o preto que está, uns 10 quilómetros, da orixe da nova epidemia sanitaria que comezou a espertar o medo por todo o planeta, tras cobrarse o coronavirus 2019-nCoV a vida de 41 dos máis de 1.200 contaxiados en China , segundo os últimos datos facilitados polas autoridades do xigante asiático, que decretou a corentena de 41 millóns de persoas nunha ducia de cidades, empezando por Wuhan.

«Foi todo de repente. Falábase de que ao mellor había algo, de moita xente con problemas. E de golpe e porrazo, pecharon todo», conta o técnico galego. «O día 22 tiñamos programada unha cea do club, e o 23 unha reunión de traballo. O día 21 dinnos do club e de Nama Sport que se suspende toda actividade na escola ata novo aviso, e empézannos a dar información do goberno de que hai un virus, e das medidas que temos que tomar, como evitar saír á rúa se non é preciso, e con mascarilla, mercar víveres e auga, ou que se se senten síntomas se contacte cun hospital rápido...». Dous días despois as autoridades pechaban Wuhan. A metade dos 17 compañeiros de Abalo na escola de fútbol, todos españois, tiveran tempo de saír da cidade para gozar dos seus plans na semana de vacacións programada polo club antes da crise sanitaria. «Eu non tiña plans para ir fóra. Se o soubera, teríame ido», confesa o galego.

«Isto non é como cando cae unha bomba, estás a 6.000 quilómetros e pensas ‘Non pasa nada’. Aquí estou no miolo. É unha situación que non vivín nunca, e dáche respecto», di Salvador. No seu caso, con máis motivo: «Son asmático, e polo tanto, máis propenso a que os problemas que puidera provocar o virus se dificulten. Si, estou un pouco acojonado». E, con todo, lanza unha mensaxe de calma: «Estase alarmando demasiado. Hai que ter cautela. Eu non vin xente tirada no chan. Hai pouca xente pola rúa porque moita xa marchara aos seus pobos para celebrar o Ano Novo chinés. Eu compro no supermercado sen problema ningún. Vivo cun compañeiro andaluz, e segue saíndo a correr cada día. Ao final o único que podemos facer é estar tranquilos, e esperar que se solucione». «Ti podes ir pola rúa coa túa mascarilla e non tes ningún problema. A xente vai tan normal», comenta Salvador.

Onte o banco do arousán informáballe por mensaxe de texto de que pechaba as súas portas ata o día 30. A cousa apunta para longo. O dispor de información puntual sobre a crise, e sentirse apoiado en todo momento pola súa empresa, axuda sin duda á enteireza que emana das palabras de Abalo en plena crise sanitaria con visos de epidemia: «Nama Sport púxose en contacto coa embaixada de España en Pekín, por se houbera que tomar medidas especiais, que saiban que estamos aquí. A nosa empresa cada mañá mándanos o parte informándonos de como está a situación».

Despedímonos de Salvador xusto antes de que se vaia a durmir. «A última noticia que temos», informa, «é que se está pendente do informe da OMS (Organización Mundial de la Salud), que agarda máis información do goberno chinés para ver se se pode volver saír da cidade, ou non». En todo momento «desde o club dinnos que teñamos tranquilidade. Alarmámonos todos, poñémonos nerviosos, e ao final o único que podemos facer é estar tranquilos, e ver o que pasa», conclúe o adestrador galego.