Víctor do Campo: «Galicia non ten que estar preocupada polo coronavirus de China , que é moito menos letal que o SARS»

Raúl Romar García
R. Romar REDACCIÓN

SOCIEDADE

M.MORALEJO

O xefe de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Vigo explica que o risco de que a infección chegue a España «é moi baixo» e aclara que, aínda que pode mutar, «tamén pode desaparecer de forma espontánea»

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Sobre o novo coronavirus xurdido en China , que causou 17 mortes no país, con 447 casos confirmados, aínda existe moita incerteza, pero Víctor do Campo, xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e membro da Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Hixiene, lanza unha mensaxe de tranquilidade. «Nin en Galicia nin en España debemos estar preocupados», di.

—Hai motivos para estar preocupados polo coronavirus?

—En Galicia e en España eu creo que non. Primeiro porque temos experiencia con outros coronavirus que circularon noutros lugares do mundo e que non nos afectaron porque se tomaron medidas para que a afectación fose mínima, como o SARS, que tamén tivo a súa orixe en China no 2002-2003, e o MERS, que xurdiu en Arabia Saudita e que leva desde o 2013 circulando por aí. Calquera dos dous podía causar unha enfermidade grave con maior potencial letal que leste.

—Hai risco de que poida chegar a España?

—En España temos un organismo que elabora as previsións de risco de que nos afecten alertas internacionais, o Centro Coordinador de Alertas e Urxencias do Ministerio de Sanidade, que é o encargado de establecer as medidas preventivas adecuada. E, sen dúbida, o risco é baixo ou moi baixo.

—Din que é menos perigoso que o SARS, é así?

—Si. Un factor que aos profesionais nos preocupa moito, porque nos fala do perigo do virus, é o número de sanitarios afectados ao principio da infección, porque se a enfermidade ten moito impacto os primeiros en caer son os sanitarios. Pero neste caso, polo que sabemos, non hai datos de que existan sanitarios afectados, cousa que co SARS o primeiro impacto xa ocasionou un número de baixas moi importante.

—E a súa mortalidade?

—A mortalidade causada polo SARS é de entre un 10 % e un 15 % e a do MERS sitúase nun 15 %, mentres que os datos de mortalidade que temos sobre este novo coronavirus roldan o 2 %, co cal entendemos que é menos letal que os que circularon previamente.

—China alerta de que pode mutar e propagarse máis rápido.

—Pois como ocorre con todos os virus. Si que é certo que pode mutar e provocar unha maior transmisión, pero tamén desaparecer espontaneamente, como ocorreu co SARS no 2013. Desapareceu sen máis.

—O feito de que se transmita entre persoas, como unha gripe, sempre asusta máis.

—O mecanismo de transmisión é exactamente igual que o da gripe, con gotitas que se emiten con secrecións respiratorias ás persoas que están situadas a menos dun metro de ti. Nese sentido sabemos moi ben como evitar a transmisión da gripe, polo que neste caso habería que adoptar as mesmas medidas para evitar o contaxio. Non hai que preocuparse. A mensaxe que podemos dar é o de tranquilidade e o de atender os consellos e recomendacións das autoridades sanitarias.

—Os primeiros casos polo coronavirus en China xurdiron nun mercado de China . Podería transmitirse a través da alimentación?

—Probablemente non, porque non é a forma habitual de transmisión dos coronavirus, que son virus de transmisión respiratoria, que afectan o aparello respiratorio e que se propagan ben por gotas ou por vía aérea. Ao ter xurdido nun mercado de alimentos falouse desa posibilidade, pero non é probable. Se se transmitise pola inxesta de alimentos o número de casos sería aínda maior.

—Existe algún risco de que a infección en China poida propagarse a un gran número de poboación?

—Si hai un dato que nos deixa un pouco preocupados: o feito de que a expansión do coronavirus coincide xusto co Novo Ano chinés, no que se producen uns 300 millóns de desprazamentos de persoas no país. É como o noso Fin de Ano, co cal che podes imaxinar. Todo o mundo está fóra de casa, todo o mundo vai ver á familia... Entón esta situación si que podería dar lugar a unha transmisión maior da enfermidade dentro do país, que é o que realmente lle preocupa ás autoridades chinesas: o feito de que desde unha cidade se poida estender a todo o país en base a ese gran movemento interior de persoas.