A nova comisaria de Ardora solicita a colaboración de Manuela Fortes

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

TVG emite esta noite un novo episodio de «A estiba»

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta noite, a partir das 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio do thriller A estiba, no que a comisaria de Ardora terá que afanarse en pechar varios casos que seguen abertos. A pesar de que Manuela foi apartada do posto de comisaria, iso non é impedimento para que investigue pola súa conta a Lionel e os seus negocios. Pero Manuela verase na obriga de suspender as pescudas que puxo en marcha para descubrir a verdadeira identidade de Lionel ata novo aviso, porque o caso de Xabier, o estibador que apareceu pendurado dun guindastre do porto, volve estar de actualidade e a nova comisaria, Sofía, a policía de asuntos internos, solicitará a súa colaboración.

Antón Longueira leva un tempo traballando para Covas, o maior traficante de Ardora, pero nun dos seus encargos atopou no maleteiro dun coche o corpo de Sara. Para Antón este feito foi suficiente para deixar o traballo e volver baixo o paraugas protector de César, para o que terán que deixar atrás as diferenzas que mantiñan nos últimos tempos e facer todo o posible para desfacerse do seu inimigo. O seu plan é moi sinxelo: finxir que se levan mal de cara á galería.

Pola súa banda, Cruz Fortes leva tempo dándolle voltas á detención de Caniche con motivo do atentado de Marcos. Polas circunstancias do caso, Cruz non cre que Caniche sexa a responsable do ataque contra o alcalde. E cando recibe a notificación de que a detida recibe presións no cárcere para declararse culpable a inspectora Fortes decidirá investigar pola súa conta.

Mentres tanto, o proxecto do porto de transatlánticos recibe luz verde definitiva por parte de Marcos, e a construtora de Lionel está a piques de recibir os cartos das axudas municipais para a construción do centro comercial. Pero Rosalía Fortes segue sospeitando do seu xefe e fará todo o posible por atopar probas que confirmen que Lionel é un asasino. Mais a detención dun dos seus colaborades precipitará unha reacción por parte de Lionel que porá en risco a vida de Rosalía.