O efecto Gloria: ondas de oito metros no Mediterráneo e sol en Galicia

La Voz

SOCIEDADE

A borrasca pon en alerta vermella a zona de Levante, pero a a nosa comunidade chegan varias xornadas sen choivas

18 ene 2020 . Actualizado ás 18:21 h.

Galicia é unha esquina de borrascas. Pero a última, Gloria, preferiu o outro lado da Península. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) é probable que se ensañe co Mediterráneo durante este domingo e as primeiras horas do luns. Levará alí fortes ventos, choiva, neve e grandes ondas no terzo oriental peninsular e Baleares. As previsións son peores das realizadas inicialmente.

Nestas áreas mediterráneas os refachos poden roldar os 120 quilómetros por hora e as ondas en Valencia, Cataluña e Eivissa poderían acadar entre os sete e os oito metros. Aemet anuncia tamén precipitacións intensas (é posible que se cheguen a superar os 120 litros por metro cadrado nalgúns puntos de Baleares) e tamén indica que nevará no interior das comunidades catalá e valenciana en zonas de moi baixa altura: entre 300 e 500 metros. A acumulación de neve podería acadar os 20 centímetros, segundo apunta a axencia.

A situación é tan inusual que é a primeira vez desde que se puxo en marcha o mecanismo de avisos de Meteoalerta, que foi instaurado no ano 2007, que Valencia está en alerta vermella por un fenómeno costeiro. Por iso estanse extremando as precaucións en paseos marítimos orientados ao nordeste desta rexión.

A situación en Galicia será totalmente distinta, coma se intercambiáronse os papeis nestas datas. Meteogalicia informa que durante este domingo a nosa comunidade estará baixo a influencia anticiclónica, con nubes e claros durante as primeiras horas do día. Os ceos irán despexándose de forma progresiva durante a tarde. As temperaturas mínimas experimentarán un leve descenso. Producirase unha situación similar este luns. Non está previsto que se produzan precipitacións no territorio galego, onde volverá imporse o sol. Pero as temperaturas mínimas seguirán descendendo (para Lugo e Pontevedra prevense 2 graos centígrados) e notarase vento forte nas áreas de costa. O martes tamén seguiremos con bo tempo, aínda que con posibilidade de choivas nalgúns puntos da Mariña e da montaña ourensá. Pero en xeral o termómetro subirá e os rexistros mínimos serán mellores en comparación cos correspondentes a días anteriores.