Oferta de traballo doméstico en Vigo: «Imprescindible en lencería» e «se houbese sexo abonaríase a diferenza»

a voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

O anuncio, retirado xa dun portal de emprego, espertou a indignación nas redes

10 dic 2019 . Actualizado ás 10:48 h.

Un anuncio de traballo que buscaba unha empregada de fogar para Vigo, publicado nun portal de emprego, espertou a indignación nas redes. A oferta pedía sen andrómenas: «Búscase empregada do fogar sexy». O contratante, rexistrado co nome de Juanjo, explicaba que precisaba unha muller para limpar unha casa de Vigo dúas horas ao día, dúas veces por semana, dúas horas cada día. Pero engadía detalles como «imprescindible en lencería» ou «se houbese sexo abonaríase a diferenza»

O texto, que xa foi retirado da web, aínda que o pantallazo circula aínda polas redes, solicitaba mulleres entre 20 e 40 anos, «en boa forma física, bos seos e agradables». Ofrécese como un traballo «só de limpeza» e «ben remunerado», a unquedespois fai referencia á posibilidade de que haxa sexo pago e conclúe cun tallante «Abstéñanse cardos».

As denuncias presentadas por varias persoas obrigaron ao portal a retirar o anuncio, pero a indignación e a copia do texto do anuncio xa correran como a pólvora por redes como Twitter, onde moitos usuarios mostraron a súa repulsa a esta forma encuberta de prostitución. 

Un dos perfís que se fixo eco da noticia foi Merda Jobs, que denuncia ofertas de emprego denigrantes como esta. A súa mensaxe acumulou máis de mil likes, preto dun milleiro de retuits e máis dun centenar de comentarios. «Quen se creu que é este fulano para publicar un anuncio desa calaña con tales esixencias no século XXI? Escravitude sexual encuberta. Non mo podo crer. Bo, si...aínda hai machistas descerebrados», mentres que outra escribía: «O problema que vexo é que está na sección de Empregada de fogar, cando é claramente prostitución».

Esta non é a única oferta deste tipo que circulou por Internet, xa que os usuarios descubriron tamén outra na que un home reclamba en Cambados a unha muller para asistir a unha persoa minusválida. Neste caso pedía «moza latina atrevida, sexy e con xenerosos peitos» para asistir a un minusválido. «Imprescindible enviar fotos nas que se vexan as pernas e o escote».