Un novo asasinato fai saltar a alarma na comisaría de Ardora

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

TVG emite hoxe, ás 23 horas, un novo episodio de «A Estiba»

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta noite Televisión de Galicia emite, a partir das 23 horas, un novo episodio do thriller A Estiba. Nel, Manuela Fortes terá que compaxinar a investigación dun crime no porto coa folga dos estibadores liderada por César Longueira.

Un traballador aparece pendurado dunha das grúas do porto. Con esta imaxe comeza o novo episodio do thriller portuario A Estiba. Na trama desta noite, a situación do porto vólvese insostible. A folga convocada polos estibadores vólvese máis cruenta, e a aparición dun corpo con signos aparentes de morte violenta non fai máis que complicar a situación.

Sen tempo que perder, a comisaría Manuela Fortes lidera un dispositivo da policía de Ardora para resolver o crime. César Longueira e os seus homes son os principais sospeitosos durante a investigación, pero el non queda quieto e pide a Antón que investigue quen foi o culpable desta morte.

Pola súa parte, no concello, Marcos tamén está a sufrir as consecuencias do asasinato. A presión de Marcos sobre os estibadores sinálao como un posible culpable e Ardora volverase na súa contra.

Para calmar os ánimos, Estevo, o único apoio co que conta Marcos, propón dar unha entrevista nos medios. Pero o alcalde, lonxe de lanzar unha mensaxe orientada á reconciliación cívica, aproveita a ocasión para acusar a César de todos os males de Ardora.

Ao mesmo tempo, Lionel, un misterioso home de negocios, está interesado en Ardora e no novo proxecto para o porto, ao que Marcos non pode dicir non.

Na comisaría, a investigación do asasinato non é a única fronte aberta para Manuela. Sofía, a implacable policía de asuntos internos que intenta aclarar o acontecido con Emilio Fortes, mantén unha férrea vixilancia sobre a comisaria e supervisa todos os seus movementos e os da súa familia. Manuela non dubida en pedir axuda a Kubala para revisar toda a documentación sobre o excomisario Fortes e non tardan en descubrir que os negocios ilícitos poden salpicar a Mercedes. Conscientes do perigo, Manuela e as súas irmás farán todo o posible por protexer á súa nai das consecuencias. Conseguirán desviar a atención de Sofía?