Maldito Scorsese

Mariluz Ferreiro A Mi BÓLAS

SOCIEDADE

DANNY MOLOSHOK | REUTERS

04 dic 2019 . Actualizado ás 18:51 h.

A xente ten dereito a aburrirse con calquera cousa. Faltaría máis. As paixóns duns son o sopor doutros. En cuestións de gusto non hai triunfos á búlgara. O irlandés, de Martin Scorsese, non pode gustar a todo o mundo. Hai dúas correntes que crucifican a Scorsese máis aló do entretemento ou o gusto polo cine. O director Luc Dardenne critica ao seu colega por traballar para Netflix, porque considera que as películas deben lucir en sala grande. Ao mesmo tempo, asegura que hai que formar ás novas xeracións para que vexan cine de autor e non se instalen nas franquías industriais de superheroes. E ao coser esas dúas reflexións cae nun pequeno paradoxo, porque para gran parte do público a posibilidade de achegarse ás pequenas rarezas reside nesas plataformas, que ofrecen menús máis aló das palomitas. Pero estendeuse tamén outra tendencia interesante: a daqueles que se negan a ver O irlandés porque a consideran unha cinta machista que lle segue a pista a uns señores maiores e insoportables e que borra o papel das mulleres. Non lles importa o contexto. Pero a historia que elixe Scorsese é a duns tipos mafiosos nos tempos de Jimmy Hoffa e os Kennedy. Pola súa época e labor, ninguén daría un duro polo seu feminismo. Non saen precisamente ben parados, porque o cineasta aniquila o encanto dos asasinos, tanto o das súas vidas como o das súas mortes. E a mirada máis certeira da longametraxe é feminina. Nin sequera necesita palabras. Pero ao director chóvenlle as leccións. Maldito Scorsese. A ver se aprende dunha vez a facer películas. Que despois dun dos nosos, Taxi Driver, Toro salvaxe, A idade da inocencia e Casino xa vai sendo hora.