Un home e os seus seis fillos ocultáronse nun soto durante 9 anos agardando «o fin do mundo»

La Voz

SOCIEDADE

PIROSCHKA VAN DE WOUW | Reuters

Algúns dos mozos, todos maiores de 16 anos, non sabían que existían máis persoas neste planeta

13 novs 2019 . Actualizado ás 17:59 h.

Unha familia composta por un home de 58 anos e os seus seis fillos residiron durante os últimos nove anos no soto dunha granxa dun pobo do norte de Holanda «agardando o fin do mundo» , tal como confirmou a Policía holandesa e recolle Efe.

Nunha mensaxe de Twitter, a Policía da provincia de Drenthe explicou que «unha persoa», o fillo maior da familia, de 25 anos, «denunciou onte que estaba preocupado polas condicións nas que vivía unha familia nunha casa» da aldea de Ruinerwold, unha pequena poboación de menos de 4.000 habitantes, porque «estarían ocultos nun espazo pechado».

«Atopámonos con seis adultos, estamos a darlles apoio e atención. O propietario do edificio non quixo cooperar coa nosa investigación, polo que foi arrestado. Trátase dun home de 58 anos. Todos os escenarios seguen abertos e non podemos dar máis información», engadiu a Policía.

O feito descubriuse porque el fillo maior escapou da granxa e achegouse a pasada fin de semana a unha cafetería situada a varios quilómetros do pequeno pobo onde residira nos últimos nove anos. Alí tomouse cinco cervexas e pediu axuda ao propietario despois de relatarlle que a súa familia vivía «en moi malas condicións» e que quería alertar ás autoridades da situación. Asegurou que se escapou e que necesitaba axuda para deixar de vivir daquel xeito.

«Tiña o pelo moi longo, a barba sucia, a roupa moi vella. Estaba moi confundido. Así que decidín chamar á Policía para que viñese investigar o que ocorría», asegurou Chris Westerbeek, o dono da cafetería, á televisión local RTV Drenthe.

Cando rexistraron o lugar, os axentes atopáronse cunha escaleira oculta detrás dun armario no salón, que conectaba cun soto baixo a casa onde se atopaban cinco adolescentes e o pai, que tería sufrido un infarto cerebral hai uns anos e estaba prostrado na cama.

Os fillos teñen entre 16 e 25 anos, pero a familia non tivo ningún contacto co exterior durante nove anos e algúns non sabían que existían máis persoas vivindo neste planeta, segundo RTV, que engadiu que estiveran subsistindo grazas aos alimentos que obtiñan dun horto e unha cabra.

Descoñécese o paradoiro da nai que, segundo aseguraron os veciños, tería chegado fai nove anos co pai cando ambos alugaron esta granxa, que cercaron por completo desde entón e na que taparon todas as fiestras. Os veciños aseguraron que non coñecían á familia e algúns pensaban que o home vivía só.