E o mércores outra potente borrasca

SOCIEDADE

xoan a. adoitar

A Aemet mantén avisos este luns por choivas intensas no interior da comunidade

14 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As previsións meteorolóxicas non fallaron. Galicia viviu onte o primeiro episodio de choivas intensas do outono. Os rexistros foron elevados, especialmente na metade oeste, onde se recolleron máis de setenta litros por metro cadrado, como sucedeu en Vimianzo. As precipitacións mesmo provocaron inundacións, como ocorreu en Ferrol. O vento soprou tamén con forza, acadando refachos por amais dos cen quilómetros por hora.

Hoxe será outro día pasado por auga. Unha segunda fronte atravesa a comunidade. As precipitacións máis intensas concentraranse durante a primeira metade da xornada. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou avisos amarelos no sur e a montaña de Lugo e nas zonas altas de Ourense. Poderíanse recoller corenta litros por metro cadrado. Ademais, este luns o vento do suroeste soprará con algo máis de forza, especialmente na costa norte.

En canto ás temperaturas, mantense o descenso progresivo, tanto das máximas e as mínimas. En moitas localidades do interior o termómetro como moito subirá ata os quince graos.

Mañá agárdase unha transición meteorolóxica aínda que seguirá impóndose a inestabilidade, sobre todo nas provincias atlánticas. Haberá ballóns, vento intensos de compoñente oeste. En Lugo e Ourense haberá nubes e claros.

O mércores as borrascas volven á carga. Un profundo e extenso sistema de baixas presións vaise situar no Atlántico norte, xusto ao oeste de Irlanda. A fronte activa que vai da man tocará terra a primeiras horas da mañá en Galicia e irá avanzado cara ao leste. Tanto o modelo americano como o europeo de predición coinciden á hora de sinalar que a precipitación caerá con bastante intensidade na costa da Coruña e Pontevedra. Haberá que agardar para saber se será necesario activar novos avisos por acumulacións de auga. Ademais, a diferenza da situación de onte, o mércores a choiva virá acompañada de ventos fortes de compoñente sur.

Corredor do norte

A partir do xoves volve entrar en escena o anticiclón dos Azores. Pero nesta ocasión a configuración non se traducirá en tempo seco e cálido, senón en húmido e xélido. A influencia do sistema de altas presións abarcará o Atlántico, mentres que a borrasca que deixará as choivas o mércores vaise a situar sobre o continente. Entre ambos van xerar un corredor que conectará Islandia con Galicia. A temperatura do aire aínda non é tan baixa como podería estalo no inverno pero si o suficiente para provocar outro descenso térmico importante, mesmo anomalías negativas (valores por baixo da media). A progresiva perda de radiación no hemisferio norte avanza inexorablemente.