Nacen vacas sen cornos mediante a edición xenética

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN

SOCIEDADE

A ausencia desta característica física conseguiuse transmitir por primeira vez á descendencia

09 oct 2019 . Actualizado ás 12:47 h.

Un touro sen cornos? Non só é algo posible, senón que esta modificación no seu aspecto mesmo pode ser transmitida á súa descendencia. É o que conseguiu un equipo de investigadores da Universidade de California mediante a edición do xenoma dun touro para que non tivese cornamenta, trazo que pasou aos dous tenreiros que tivo. Esta tecnoloxía hase proposto como unha alternativa ao descornado, unha práctica moi común na xestión do gando utilizada para protexer de lesións a outros bovinos e aos traballadores das granxas e para unha mellor manipulación dos animais nos cortellos. Os resultados da investigación, que foi aprobada pola FDA estadounidense, publicáronse na revista científica Nature Biotechnology.

Os investigadores aseguran que ningún dos descendentes do touro desenvolveu cornos, como se agardaba, e a análise de sangue e os exames físicos aos tenreiros confirmaron que todos estaban sans. Tamén secuenciaron os xenomas dos tenreiros e os seus pais e analizaron estas secuencias xenómicas, en busca de cambios inesperados. Pero non foi o caso.

«Demostramos que se poden producir tenreiros sans sen cornos con só a edición desexada e proporcionamos datos apra axudar a informar o proceso para avaliar animais coa edición do seu xenoma», destaca Alison Van Eenennaam, a primeira autora do traballo.

Todos os datos foron compartidos coa Administración de Drogas e Alimentos dos Estados Unidos. A análise realizada por científicos da FDA revelou que un fragmento de ADN bacteriano, utilizado para entregar o trazo de sen cornos ao touro, integrouse xunto cunha das dúas variantes xenéticas sen cornos, ou alelos, que se xeraron mediante a edición do xenoma no touro. Os investigadores de Universidade de California validaron aínda máis este achado.

«O noso estudo atopou que dous tenreiros herdaron o alelo natural sen cornos e catro tenreiros tamén herdaron un fragmento de ADN bacteriano, coñecido como plásmido», explica Van Eenennaam.

En realidade, os animais herdan unha pequena parte de ADN que non é propia da especie, senón que se corresponde con un plásmido bacteriano, polo que, tecnicamente, o primeiro touro sen cornos nado desta tecnología é un organismo modificado xeneticamente (OGM), cualidade que transmitiu á súa descendencia. Van Eenennaam, aclarou, con todo, que o plásmido non dana aos animais. 

No entanto, esta pequena molécula de ADN bacteriano tamén apareceu noutros animais do experimento que aínda mantiveron a cornamenta. «O noso estudo atopou que dous dos tenreiros herdaron o alelo (forma xenética) sen cornos xerado naturalmente»,apunta Alison Van Eenennaam.

Os científicos non observaron ningunha outra alteración xenómica non intencionada nos tenreiros, e todos os animais permaneceron sans durante o período de estudo. Nin o touro nin os tenreiros entraron na cadea de subministración de alimentos.

Por que se eliminan os cornos aos touros?

A extirpación dos cornos é unha práctica habitual nas granxas leiteiras, tamén en Galicia. A cornamenta elimínase porque as reses que non os teñen son menos propensas a danar a outros animais ou aos traballadores lácteos e teñen menos comportamentos agresivos. Tamén porque os animais sen esta característica física requiren menos espazo de curral e de comedeiro.

Con todo, tanto o descornado como o desmochado son prácticas dolorosas para os animais. «Nós -subliña Van Eenennaam- oufrecemos unha alternativa sen dor á eliminación de cornos, mediante a introdución dunha variante xenética ou alelo natural que está presente nalgunhas razas de gando vacún».

Os técnicas máis utilizadas actualmente para eliminar a cornamenta son o desmochado por cauterización mediante un quemador, o desmochado químico mediante a aplicación dunha sustancia cáustica e o descornado por amputación. Mentres que o desmochado adoita realizarse durante as primeiras 4-6 semanas de vida do animal, o descornado realízase cando o corno xa está formado.