As galegas viven 86 anos de media, catro máis que en España

Joel Gómez SANTIAGO

SOCIEDADE

MARCOS MIGUEZ

O congreso mundial de psicogeriatría insiste na necesidade de máis recursos adaptados para a complexidade dos problemas físicos, sociais e mentais da deterioración no envellecemento

03 sep 2019 . Actualizado ás 12:28 h.

O incremento da esperanza de vida supón que unha muller vive de media 86 anos en Galicia, mentres no resto de España vive 82, polo que viven de media catro anos máis en Galicia, afirmou a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, no congreso internacional de psicogeriatría que se celebra na Facultade de Medicina de Santiago. «As persoas viven máis anos e iso é un desafío que temos que afrontar desde un punto de vista multidisciplinar, pois supón desafíos económicos, sociais e sanitarios, para buscar solucións para mellorar a calidade de vida dos maiores», manifestou. A conselleira defendeu que «unha vez conseguido este éxito de vivir máis anos temos que vivir cada vez mellor e que todas as persoas maiores estean ben atendidas e elixan onde e como queren ser atendidas».

Ante o grupo de especialistas que asistían a unha sesión sobre recursos en psicogeriatría, destacou que «a Xunta se propón levar os recursos onde as persoas queren vivir, apostando polo envellecemento activo, con axudas a quen teñen limitada a autonomía persoal, para que estean coidadas por profesionais e tamén, sempre que así o desexen, polos seus propios familiares, adaptando os recursos ás características da comunidade, á dispersión xeográfica». Neste sentido destacou que se acaba de pór en marcha un novo recurso, as casas do maior, «onde unha persoa coidadora formada coida a 5 maiores nos núcleos rurais de Galicia». A consellería sinala que hai 30 xa concedidas, a maioría na provincia de Ourense.

Sandra Alonso

Ademais, Fabiola García resaltou «o proxecto europeo que consiste en levar recursos móbiles de optometría, de podoloxía e distintos programas de estimulación da memoria aos núcleos rurais de Galicia, para que as persoas maiores non se sintan soas e que teñan servizos que melloren a súa vida».

O profesor de psiquiatría da Universidade de Santiago e presidente do comité organizador do congreso internacional, Raimundo Mateos, insistiu en que a dispersión en Galicia é un problema importante: «Temos que ser creativos para afrontar esa situación. A maioría das persoas de 65 e máis anos están ben, aínda que cada vez hai máis que tamén se deterioran e padecen trastornos mentais, e problemas sociais e físicos, que poden ser moi complexos. Falta moito por facer para dar resposta a esta realidade», manifestou. Avogou por destinar máis recursos económicos  para conseguir recursos adaptadas para a complexidade dos problemas físicos, sociais e mentais no envellecemento, e por un «impulso de todas as autoridades e de toda a poboación para levar adiante esta empresa de asistencia ás persoas maiores».

Carlos Spuch, coordinador da Rede Galega de Investigación en Demencias, resalta que neste congreso internacional acordouse que é necesario desenvolver un estudo epidemiolóxico sobre a realidade de Galicia, e van colaborar tanto a Rede como a asociación de psicogeriatría para materializar ese proxecto.

Juan Carlos Rodríguez, presidente da Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), destacou a «necesidade dun plan transversal de atención ás demencias, que abranxa todas as áreas de intervención, para facer unha abordaxe global da doenza. Por iso propomos desenrolar máis recursos, sobre todo nos entornos rurais e máis aillados de Galicia, e a sensibilización de toda a sociedade para promover unha estratexia común onde participen os sistema sanitario, a politica social, e a área económica; porque unha nova maneira de atender ás persoas miores é tamén unha oportunidade económica para Galicia; e as familais actuais son cada vez máis pequenas e encesitan apoio».

O congreso, no que participan uns 500 especialistas de varias profesións e de diversos países, clausúrase esta tarde. Abordou as necesidades asistenciais e sociais e contemplou tamén aspectos éticos, como os que expoñen o uso de robot para asistir ás persoas maiores, ou a eutanasia e outras situacións no final da vida.