O verán á galega de Santiago Abascal

Iago García
Iago García REDACCIÓN

SOCIEDADE

\santi_abascal

O líder de Vox e a súa muller, a influencer Lidia Bedman, deixáronse ver en Galicia nas últimas horas acompañados dos seus fillos. Sanxenxo foi un dos sitios polos que pasaron, pero non o único

27 ago 2019 . Actualizado ás 15:12 h.

Seguirlle a pista a Santiago Abascal, presidente de Vox, durante as súas vacacións en Galicia non é tarefa doado. A non ser que un se tope con el e a súa familia no paseo de Silgar, en Sanxenxo, e aproveite para sacarse uns selfies. Iso foi precisamente o que lle pasou onte a moitos veraneantes que gozaban dunha xornada asollada nesta vila do Salnés. Porque polo demais, ao non geolocalizar as fotos que tanto Abascal como a súa muller, Lidia Bedman, publican en Instagram, a Galicia intúella, pero dar coa localización exacta é difícil. Algo que probablemente sexa premeditado para que o tempo de descanso en familia non sexa interrompido.

Na máis recente das instantáneas subidas vese a Abascal de costas cos seus catro fillos, co que que parece ser Fisterra ao fondo. A praia entón podería ser a de Carnota. As costas do político tapa precisamente a zona do faro, o que complica a adivinanza. Hai máis exemplos.

Dado que este xoves se viu a Abascal en Sanxenxo, neste caso, tendo en conta a data de publicación, ese peirao de madeira estaría con toda probabilidade nalgún punto da comarca do Salnés. De novo portando ao seu fillo e co Atlántico presente, figura a terceira das imaxes do verán galego que está tendo o líder de ultradereita.

Ela, tamén quixo retratarse en Galicia

No perfil de Instagram de Lidia Bedman, segunda muller de Santiago Abascal, non atoparás nin unha soa foto do seu marido. Esta influencer de 33 anos -tamén é youtuber- conta con máis de 150.000 seguidores. Nos seus stories e vídeos publicados ofrece consellos e tutoriales de beleza, sobe os seus looks e comparte rutinas de exercicio físico, algo típico entre quen se dedican a monetizar as súas publicacións. Bedman aproveitou unha praia galega para publicar varias imaxes cun vestido negro e seguir enriquecendo así de publicacións o seu perfil.

Entre os comentarios ás fotografías hai quen intentan sonsacar a localización sen éxito. A Lanzada e Carnota serían as localizacións propostas máis repetidas. Unha seguidora, «iria85», que talvez teña algun dato sobre o destino vacacional escribe «o norte é o norte» co emoji da chiscadela. E falando de chiscadelas, un cara a Galicia podería estar tamén o diminutivo que emprega Bedman cara ao seu fillo para ilustrar o momento no que un de eles, Santiago, ofrécelle unha cuncha que recolle no areal. Refírese a el como «Santiño».

Aínda que a muller de Abascal se gaña a vida grazas á súa actividade na rede, é imposible superar a popularidade do líder de Vox. É o representante político máis seguido de todo o país tanto en Instagram, con máis de 300.000 seguidores, como en Twitter , onde supera os 250.000. Tendo en conta que hai xusto un ano Lidia Bedman subía a YouTube un vídeo resumindo as súas últimas vacacións, gozadas en Menorca, talvez haxa que estar atentos á súa canle para desvelar en que lugares de Galicia estivo a familia Abascal Bedman exactamente. Ti por onde dirías que pasaron?