O anticiclón aséntase sobre Galicia

Xavier Fonseca Blanco
Xavier Fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

ADRIÁN BAÚLDE

Agárdanse dous días de ceo despexado en toda a comunidade e ascenso das temperaturas

22 ago 2019 . Actualizado ás 16:53 h.

Durante as próximas 48 horas Galicia será testemuña da recuperación da influencia anticiclónica. Non só se agardan dous días de ceo despexado en toda a comunidade senón que ademais ascenderán as temperaturas, tanto as máximas como as mínimas. Na metade norte o termómetro chegará ata os 30 graos, toda unha novidade neste verán. O ascenso térmico será aínda máis notable nas provincias de Ourense e Pontevedra, onde se acadarán, polo menos, os 33. Volve, xa que logo, a calor, unha sensación que apenas han experimentando os galegos neste período estival.

Os mapas de presión recuperan a configuración habitual nesta época do ano. As borrascas e a corrente en chorro están agora mesmo situados cara ao norte, xusto onde deben estar. Pola súa banda, o anticiclón dos Azores atópase ao norte da Península. Desde esa posición permite que chegue aire cálido desde o sur, responsable principal da subida das temperaturas.Mañá mesmo ascenderán as mínimas. Nas Rías Baixas, os valores nocturnos non descenderán dos vinte graos. As noites tropicais son a proba definitiva de que o verán volveu.

Vento do noroeste

Que ninguén se desespere se o sábado se produce un incremento da humidade. O vento rolará por unhas horas a noroeste. O cambio na dirección do vento permitirá que se formen algunhas nubes baixas no litoral oeste. Esta nebulosidade estará presente unicamente pola mañá. Pola tarde, o sol volverá ser protagonista nas provincias atlánticas. Ademais, no interior o ceo estará despexado toda a xornada. Iso si, descenderán as temperaturas.

A circulación de nordés non tardará demasiado en chegar. O domingo, excepto as típicas nubes matinais no extremo norte, será unha nova xornada asollada e temperaturas estivais. O luns, o sistema de altas presións retrocede momentaneamente. Chegará aire frío ás capas altas da atmosfera que dará lugar a precipitacións de tipo convectivas. Esta é unha diferenza importante respecto da situación que predominou ata agora xa que a fonte de choivas non será ningunha borrasca senón a interacción entre masas de aire de diferente temperatura.

Despois das tormentas, que afectarán o interior, os modelos meteorolóxicos sinalan que o anticiclón volvería retomar o protagonismo. A un mes de que remate a estación aínda quedan días de verán.