Feijoo publica en Instagram unha foto co seu fillo

Iago García
Iago García REDACCIÓN LA VOZ

SOCIEDADE

\feijoogal

É a segunda vez que sobe á rede imaxes do seu primoxénito, froito da súa relación coa executiva Eva Cárdenas, exdirectora de Zara Home. O presidente da Xunta xoga con el nun parque mostrando a súa cara máis familiar

20 ago 2019 . Actualizado ás 23:13 h.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compartiu no seu perfil de Instagram unha fotografía co seu fillo pequeno, que tamén se chama Alberto. O neno, nacido o 15 de febreiro de 2017, goza co seu pai nun parque infantil. Núñez Feijoo móstrase riseiro ante o pequeno, co que xoga nun balancín. O menor está de costas ao obxectivo.   

A frase escollida na publicación, «Galego coma min», non pasa desapercibida pola súa relación co legado político do dirixente popular. Non en balde, «Galego coma ti», foi o lema co que se presentou Alianza Popular en Galicia en outubro de 1981, conseguindo a súa primeira vitoria electoral. A idea xestouna Manuel Fraga, presidente a nivel nacional da formación, para o candidato autonómico escollido entón, Gerardo Fernández Albor. Ambos foron moi influentes na carreira política de Feijoo. Nesta ocasión o slogan foi empregado para acompañar a escena familiar. E á vez é unha chiscadela aos seus mentores. 

Na imaxe non se ve á nai, Eva Cárdenas, aínda que talvez sexa ela a fotógrafa da escena. Como adoita dicirse na xerga da prensa rosa tería actuado de paparazzi , conseguindo este «roubado». Cárdenas, exdirectora de Zara Home, é unha exitosa executiva que se pasou ao mundo inmobiliario. Fundou Néboa Azul S.L. coa súa filla Gabriela, maior de idade e froito dunha relación anterior á que mantén co presidente autonómico. 

Só se coñecían ata agora as mans do pequeno

Normalmente, as contas oficiais que Núñez Feijoo ten en Facebook , Twitter e Instagram son empregadas para difundir o labor institucional e os diferentes actos de axenda pública que o titular da Xunta ten a diario. Aínda que hai ocasións puntuais nas que o community xestor desaparece e é el mesmo quen a título persoal comparte secuencias íntimas. O seu fillo é a excepción á regra, unha mostra da importancia que para el ten dentro da súa vida privada. De feito hai un precedente anterior -o único- á foto que publicou nas últimas horas. Cando naceu, hai dous anos e medio, compartiu unha instantánea na que a súa man aguantaba a do pequeno en Facebook. 

Iso si, a cautela marcou sempre a difusión da imaxe do neno e sempre tivo coidado para non desvelar nunca en público a súa cara. Entrevistado un ano despois do nacemento por Jordi Évole en Salvados , así xustificaba que o seu fillo nacese nun centro privado, sendo el un defensor da sanidade pública: «Foi a súa nai quen pariu e ela ten dereito a decidir»