Galicia, paraíso de autocaravanas: aparcar ou acampar, esa é a cuestión

Uxía Rodríguez Diez
UXÍA RODRÍGUEZ LA VOZ

SOCIEDADE

REBECA LÓPEZ

Polémica pola falta de regulación dun tipo de turismo en pleno auxe

18 ago 2019 . Actualizado ás 13:26 h.

«Queixarse da masificación de autocaravanas é como queixarse de que hai moitos turistas en Santiago de Compostela ou de que Sanxenxo está cheo de coches no verán. É incrible. Queremos que Galicia sexa un destino atractivo para os autocaravanistas, que veñan coñecer esta terra e a deixar diñeiro aquí», asegura Manuel Fernández, Presidente da Asociación Galega de Autocaravanas.

A polémica está servida tras as queixas dalgúns cámpings e concellos pola cantidade deste tipo de vehículos-vivenda que enchen algunhas zonas e aparcadoiros nesta época do ano.

Que o turismo de autocaravanas chegou para quedar é unha realidade. Viaxar coa casa ao lombo é unha tradición asentada en moitos países europeos como Francia e Alemaña. Agora, son cada vez máis as persoas que elixen esta forma pasar as súas vacacións e Galicia converteuse nun dos destinos estrela.

«Temos un baleiro legal que permite ás autocaravanas campar ás súas anchas. Onte en Doniños había 40 autocaravanas no aparcadoiro da praia, agora mesmo en Pantín hai un verdadeiro campamento. É vergoñento. Están onde lles dá a gana, o tempo que queren. Ás veces non hai nin sitio onde aparcar. Isto só pasa en Galicia, no resto de España e Europa non o vemos. Parece que aquí aos turistas estranxeiros non se lles pode tocar», quéixase Fernando Colón, Presidente da Asociación de Cámpings do Noroeste.

A realidade é que o Regulamento establece que unha autocaravana ten dereito a estacionar en igualdade de condicións que o resto dos vehículos e a pasar a noite os seus ocupantes nela, a condición de que a actividade que leve a cabo no seu interior non transcenda ao exterior, nese caso estaría acampada e non estacionada. Tampouco se poden despregar elementos que superen o perímetro do vehículo (cadeiras, mesas, toldos), nin verter fluídos nin emitir ruídos. É dicir, a clave está na diferenza entre aparcar e acampar.

«Este tipo de turismo é unha realidade, está aí. Hai un borrador que agardemos que se aprobe este outono onde se contempla a creación de áreas privadas específicas de autocaravanas. Lugares que cubran as necesidades que temos. En Galicia os cámpings teñen as prazas que teñen e abren o período que abren. Non estamos en contra deles nin moito menos. O gran conflito que temos aquí é que os cámpings ofrecen uns servizos que non necesitamos», explica Manuel Fernández. «Galicia conta agora mesmo con 100 áreas públicas para a carga e a descarga, para cubrir as necesidades mínimas que require unha autocaravana. Pódese pasar a noite nalgúns dos sitios con prazas reservadas, pero estamos moi lonxe do que se demanda. Cada día o mundo do autocaravanismo aumenta e hai que adaptarse a iso».

Desde a Asociación de Cámpings do Noroeste tamén reclaman un cambio na lei que, ademais, permita controlar este tipo de turismo. «Non lles imos a obrigar a vir aos cámpings, pero tampouco podemos permitir que estean onde queiran. Estar case tocando a area da praia e non pagar nin un duro é moi cómodo» sinala Fernando Colón.

Íñigo Rolán

«Aparcadoiro só para turismos»

UXÍA PÉREZ / A.G.

Na área de Barbanza, só os concellos de Boiro e Mazaricos teñen espazos acondicionados, á marxe dos cámpings. Con todo, algúns, a pesar de que a lei non o ampara, aparcan durante días nun mesmo lugar e realizan actividades que transcenden ao exterior dos vehículos. A estancia irregular destes viaxeiros ocasiona problemas nalgúns concellos.

A Policía Local da Pobra atópase con certas dificultades para reprimir esta práctica: «Unha autocaravana é un vehículo único, polo que é moi complicado saber se se está facendo un uso inadecuado ou se unicamente está aparcada. Coas que son un remolque resulta máis sinxelo, porque ocupan dous estacionamentos, e aí sabemos que podemos actuar».

O Concello de Carnota é, desde hai anos, un dos máis afectados da comarca. Os problemas chegaron a tal punto que este verán se colocaron en varias zonas sinales coas seguintes indicacións: «Prohibida a acampada» ou «Aparcadoiro só para turismos». Con todo, os axentes de Carnota seguen tendo que lidar co problema, coa finalidade de frear o aparcadoiro ilegal, hai en marcha un proxecto que pretende crear unha área habilitada para estes vehículos.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, indica que a situación é similar no seu municipio: «Durante os meses de xullo e agosto tramítanse máis de 200 denuncias por vehículos deste tipo aparcados de forma irregular».

Do mesmo xeito que en Carnota, o Concello de Porto do Son prevé áreas especiais para as autocaravanas nas praias. O mandatario sonense comentou: «Gustaríanos contar con praias adaptadas a todo tipo de necesidades, porque tamén atraen moito turismo. Queremos ter servizos de calidade».

Aínda que na localidade de Rianxo non haxa demasiados contratempos co estacionamento de caravanas, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños afirma que: «Pretendemos habilitar un área que si conte coas prestacións necesarias para elas».