Vai ao médico pensando que sufría cálculos renais e acaba dando a luz a trillizos

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

Unha muller estadounidense, que xa tiña dous fillos, declarou nun programa de televisión que non cría estar embarazada cando chegou a hora do parto

19 ago 2019 . Actualizado ás 23:22 h.

Cría que tiña molestias persistentes debido aos seus cálculos renais, como outras veces. Pero a dor nesta ocasión ía a máis. E esta muller estadounidense acudiu ao médico, que lle comunicou que estaba embarazada. A sorpresa foi tripla, porque tivo trillizos. A nai é dunha pequena cidade de Dakota do Sur e declarou que ata último momento estivo convencida de que todo se debía a que tiña pedras nos riles. «Cando comezaron as dores imaxineime que eran os cálculos que xa sufrira anteriormente», declarou Dannette Giltz este domingo ante as cámaras de un programa de televisión da canle Kota-TV da cidade de Sturgis, informa Efe.

A nai dos tres bebés, que naceron o 10 de agosto e pesaron cada un ao redor de dous quilos, manifestou que, a pesar de ter outros dous fillos maiores, nunca se imaxinou que tiña un embarazo de 34 semanas cando foi trasladada ao centro sanitario. Nese momento os médicos informáronlle que a dor que sufría era en realidade que empezaba o parto. En principio os doutores pensaban que viñan ao mundo mellizos, pero ao final Dannette tivo por cesárea a tres bebés con boa saúde que serán bautizados como Blaze, Gypsy e Nikki, segundo sinala a citada axencia de noticias.

Os pais recoñecen que esta foi «unha experiencia tola», segundo recolle a prensa estadounidense. «É moi raro ver a trillizos concibidos de forma natural, e moito menos pasar 34 semanas sen sabelo. É coma se estivésemos en estado de shock, pasamos dunha posible operación de cálculos renais a unha cesárea. Non podemos crelo», comentou a parella. «Cando deixamos o hospital despois de ter vivido todo isto de súpeto che dás conta que somos unha familia de sete membros. A min aínda me estalaba a cabeza», recoñeceu Dannette Giltz. O pai recoñeceu que está «realmente atafegado» polo ocorrido.

Numerosos veciños da vila de Sturgis doaron  produtos para bebés (omo roupa, cueiros e comida) á familia, que se viu incrementada de forma tan repentina. Os pais agradeceron esta avalancha de xenerosidade, que lles permitirá afrontar de mellor xeito esta situación inesperada e agardan que o hospital non tarde moito en dar de alta aos pequenos. «É marabilloso como se uniu a xente desta pobo tan pequeno ante algo tan inesperado», apuntaron.