A tráxica morte de Annabel, a herdeira de dúas fortunas millonarias inglesas

C. Aldegunde REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

A nova, de tan só 15 anos, pereceu nun accidente de quad cando se atopaba de vacacións

11 jul 2019 . Actualizado ás 14:09 h.

A traxedia non entende de posición social nin dos ceros que teña a conta corrente: afecta a ricos e pobres por igual. Un dos casos máis recentes é o duro golpe que sufriu a familia do fundador de Asos, que perdeu a tres dos seus catro fillos nun atentado yihadista en Sri Lanka (no que tamén pereceu unha parella de galegos). Agora, unha desgraza similiar sumiu na tristeza a unha das familias máis ricas de Inglaterra. Ben Goldsmith e Kate Rothschild perderon nun accidente de quad á súa filla maior, Iris Annabel Goldsmith, de tan só 15 anos. 

O accidente ocorreu na leira familiar que posúen en Somerset, situada a uns 200 quilómetros de Londres. A pesar da rápida intervención dos servizos de urxencia, os sanitarios nada puideron facer por salvar a vida de Annabel, que morreu esmagada polo vehículo. Con ela viaxaba outra persoa da que non transcendeu nin a súa identidade nin se está ferida. 

A moza probablemente converteríase nuns anos en herdeira dunha das fortunas máis grandes de Inglaterra, a que formas os Goldsmith e Rothschild, que supera os 300 millóns de libras. A exparella, que se separou no ano 2012, ten outros dous fillos en común, Frank e Isaac, de 13 e 11 anos, que se atopaban na residencia familiar.