Os pequenos galegos son os máis protexidos durante os primeiros meses

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO

SOCIEDADE

Galicia está por amais da media nos índices de inmunización de España, que son moi positivos

27 jun 2019 . Actualizado ás 09:03 h.

España ten uns índices de cobertura de vacinación moi positivos, e Galicia está por amais da media polo menos nas dos primeiros meses. Na hexavalente, por exemplo, que se pon aos dous meses de idade, a cobertura é practicamente do cento por cento. Nas doses de recordo esta protección baixa, mentres que na tripla vírica a porcentaxe de nenos vacinados é tamén moi elevado.

 O calendario oficial vai sufrir dous cambios que se porán en marcha este ano para ampliar a protección dos menores. Deles un afectará os nenos de cero a tres anos, é dicir, aos das escolas infantís. A vacina contra a meninxite C ampliarase para incluír outros tres grupos, o A, o W e o E. Non se inclúe, no entanto, o B, que desde hai anos piden os pediatras e que moitos pais financian do seu peto. O outro cambio no calendario afecta só ás nenas, xa que a vacina do papiloma, que agora mesmo protexe fronte a dous virus de elevado risco oncogénico, amplíase a nove. Este cambio empezará a aplicarse en xullo.

De cara ao próximo curso uns oito mil menores matriculáronse nas escolas infantís da Xunta, polo que tiveron que presentar xa este certificado de vacinación. Pero cando entre en vigor a lei serán máis de vinte mil, xa que as prazas sostidas con fondos públicos superan esa cifra. Os pediatras xa aplaudiron esta medida cando se introduciu nas garderías autonómicas.