«Sempre me gustou ir á misa»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Óscar Cela

Sendo neno, Amador Bañobre aprendeu con rapidez o catecismo e comezou a axudar ao sancristán da súa parroquia. A súa relación co ámbito relixioso mantívose firme desde entón

26 jun 2019 . Actualizado ás 08:09 h.

As parroquias de Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz), limítrofes entre si, teñen os seus respectivos sancristáns. Amador Bañobre, natural e veciño da primeira delas, colabora activamente nas dúas e substitúe ao sancristán oficial cando falta; exerce como tal noutras tres -O Val de Xestoso e O Alto de Xestoso, pertencentes a Monfero, e Cambás, correspondentes Aranga-, e mesmo é solicitado en Semana Santa para cantar saetas en Meira, ademais de entoalas nas mencionadas parroquias.

O seu vínculo coa relixión empezou na nenez. Os mércores e os sábados tocaba catecismo na escola de Momán, unha aprendizaxe que se completaba os domingos na igrexa. As leccións reportáronlle entón algún proveito, como el evoca. Por unha banda, o párroco deulle unha propina -50 pesetas de mediados dos anos cincuenta, que lembra como un pequeno tesouro- por ter aprendido o catecismo en poucos días: fíxolle varias preguntas, e as respostas do alumno fixéronlle ver que o seu coñecemento era firme.

ÓSCAR CELA

Doutra banda, sendo aínda neno aprendeu a rezar o rosario e pronto se encargou de dirixilo cos fieis. O seu dominio impresionou un día a unha muller presente na igrexa, que non dubidou en darlle 25 pesetas. Hoxe, cando hai un defunto no tanatorio da parroquia de Momán, Amador Bañobre é o encargado de dirixir o rezo do rosario.

Na nenez, por influencia do sancristán da súa parroquia, familiarizouse con tocar as campás, axudar a misa ou levar a cruz nas procesións ou nos enterros. Describe todo iso con sinxeleza: «Sempre me gustou ir á misa», di Amador Bañobre, que mesmo aplicou a súa profesión -foi carpinteiro- á recente reforma dunha capela de Momán, pois colaborou na colocación de madeira en paredes interiores. A poboación das parroquias baixou nas últimas décadas, aínda que el cre que a porcentaxe de veciños que van a misa é estimable: «Para a xente que hai, porque imos a menos, aínda hai bastante xente», afirma.

A súa afección a cantar tamén se canaliza na súa parroquia natal e nas outras nas que colabora, posto que en misa canta antes da lectura do evanxeo e durante a comuñón. A pesar de iniciarse no culto cando o latín tiña máis protagonismo na liturxia, non cantou nunca nese idioma e considera que a misa actual, oficiada en castelán ou en galego, non ten nada que envexar á de antes: «Para min quizais é máis bonita, porque participa máis o pobo», explica.

Ás tarefas que realiza como sancristán oficial ou suplente os domingos únense a compaña e a función de chofer que lle presta ao cura das parroquias, Luis Rodríguez Patiño. Amador Bañobre sae de Momán, recolle ao párroco en e O Val de Xestoso o percorrido acaba tras máis de cen quilómetros e cinco misas, nas que un e outro exercen as súas respectivas funcións. Aos seus 76 anos, a Amador Bañobre non se lle pasa pola cabeza o abandono desas tarefas, pois afirma que seguirá mentres poida «e o cura queira».