Xosé Manuel Piñeiro reaparece por unha causa solidaria

M. P. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

O coñecido presentador de TVG atópase de baixa desde hai meses tras detectar un cancro

23 may 2019 . Actualizado ás 14:46 h.

Xosé Manuel Piñeiro fixo un chamamento especial a través dun vídeo na súa conta de Instagram para invitar os seus seguidores a unirse a unha causa solidaria. «Que tal amigos, Son Xosé Manuel Piñeiro. Quero convidarvos a un acto moi solidario e que me apetece moito que compartades comigo e con todas as persoas que imos estar alí», comeza o presentador de TVG, que se atopa afastado da televisión a causa do cancro que lle foi detectado fai uns meses. «Trátase de colaborar con Bicos de Papel, una asociación que quere construír un parque infantil na área oncolóxica infantil do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Para eso precísanse cartos e para iso hai unha cea solidaria no Hotel Pazo dos Escudos o día 14 de xuño», prosegue. «Temos que estar alí, temos que colaborar porque é a nosa causa, son os nosos nenos», remata. 

Xosé Manuel Piñeiro anunciou a principios do mes de novembro do ano pasado que sufría cancro, en concreto un mieloma múltiple, para explicar a súa retirada temporal da televisión. Fíxoo en Luar para rematar coas especulacións e segundo o mesmo explicou por consello dunha das súas irmás. «'Debesllo ao teu público'. O teu público ten que saber porque non estás neste momento na televisión. E nadie mellor ca ti para contarllo», asegurou que lle dixo. 

Nese momento mostrouse moi a favor de normalizar o que a tantos lles sucede: «Cantas persoas nos estarán vendo agora mesmo desde a cama dun hospital ou desde a cama da súa casa? E eu creo que sempre é bo de compartir estes momentos que ninguén querría pasar, pero que están ahí e forman parte da vida».