A partir do luns os coches contaminantes terán que pagar 12 libras por circular polo centro de Londres

Redacción

SOCIEDADE

Trátase dunha medida para atallar a contaminación á que se lle atribúen miles de mortes prematuras

06 abr 2019 . Actualizado ás 20:49 h.

Desde a medianoite do domingo haberá que pagar 12.50 libras (uns 14.50 euros) para circular pola Zona de Emisións Ultrabajas (ULEZ) do centro de Londres. Pero non todos os condutores terán que abonar esta taxa, só aqueles que o fagan con vehículos contaminantes, xa que se trata dunha medida para atallar a contaminación á que se lle atribúen miles de mortes prematuras. As autoridades locais agardan que a iniciativa reduza as emisións do tráfico rodado nun 45 % por cento, xa que esta taxa se suma á taxa de conxestión que xa teñen que pagar os vehículos contaminantes por entrar no centro da capital británica entre as 7 e as 18 horas. En total nese horario un vehículo paga 24 libras. A medida aplícase a vehículos diésel que non cumpran o estándar Euro6, obrigatorio desde o 2015. No caso de autobuses e camións que non cumpran estes criterios a cantidade ascende a 100 libras. As taxas pódense abonar mediante un sistema de recoñecemento de matrículas conectado á base de datos da Axencia de Licenzas para Condutores e Vehículos, que inclúe o tipo de emisións de cada vehículo. 

O alcalde de Londres, Sadiq Khan, argumentou cun estudo que case 1.000 persoas son hospitalizadas ao ano na cidade por asma causada pola contaminación. De feito, a intención do alcalde é ampliar a ULEZ en outubro de 2021 a todas as áreas que quedan dentro das estradas de circunvalación norte e sur.