Chandebrito simboliza as reforestacións das zonas incendiadas

María Jesús Fuente Decimavilla
m. j. fonte VIGO / LA VOZ

SOCIEDADE

M. Moralejo

Escolares de Nigrán e de Vigo protagonizan a plantación de 1.200 árbores co programa Voz Natura

02 feb 2023 . Actualizado ás 19:18 h.

A zona cero dos incendios forestais do 2017 converteuse onte, Día Mundial da Árbore, en símbolo de recuperación da catástrofe daquel 15 de outubro. Voz Natura, o programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, organizou co colexio Estudo, de Chandebrito (Nigrán), unha plantación para simbolizar todas as reforestacións que os centros que participan na presente edición estean a realizar ou as teñan previstas.

Máis de trescentos alumnos e profesores do colexio, situado a escasos metros do monte que ardeu en chamas, plantaron outros tantos exemplares de dezasete especies autóctonas e froiteiras. Entre hoxe e mañá agardan chegar aos 1.200.

Para facilitar as cousas aos máis pequenos, a comunidade de montes tiña todo a punto: preparación do terreo, alcorques, guías, proteccións e ferramentas. Os escolares non tiveron máis que remangarse e pórse ao choio. Pepe, Saúl e Brócoli foron algúns dos nomes elixidos polos nenos para bautizar as árbores.

Non é a primeira vez que o centro dedica unha xornada a este tipo de actividades e a outras de carácter ambiental. De feito, os proxectos do colexio Estudo alzáronse o pasado curso co premio Voz Natura a nivel galego, mentres que o anterior lograron o provincial. Onte contaron coa axuda do colexio Balaídos de Vigo e con anterioridade pasaron outros centros de Galicia.

Aínda que a boa vontade da comunidade escolar e a de montes logrou que se planten 20.000 árbores en Chandebrito, esta cifra non é nada se se compara co millón que se perdeu na traxedia forestal, segundo lembra Víctor Vidal Otero, presidente dos comuneiros.

O entusiasmo que poñen os profesores na recuperación do medio ambiente é fundamental. «Desde que foron os incendios xa fixemos tres plantacións e outras actuacións de limpeza. Hai un mes recollemos doce pneumáticos e o ano pasado atopamos unha botella de lejía de 1980», comenta Juan Ojea, coordinador do proxecto.

Da man do biólogo e docente do colexio Javier Gago, outros alumnos participan na colocación de trampas provistas de feromonas para acabar cun nematodo da madeira dos piñeiros, que os debilita ata acabar con eles.

A temática de Voz Natura para este curso céntrase na preservación e coidado dos montes. En total participan máis de 70.000 alumnos de toda Galicia, desde infantil ata bacharelato, ademais de asociacións ambientais e de pais de alumnos. O programa conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces, así como co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio da Transición Ecolóxica.

Ao acto de onte asistiron membros de Voz Natura e o alcalde de Nigrán, Juan González.