Un ciclón bomba arrastrará aire cálido a Galicia

SOCIEDADE

XAVIER FONSECA

A partir de mañá as temperaturas volverán ser elevadas para a época do ano. Agárdanse máximas por amais dos 20 graos

19 feb 2019 . Actualizado ás 20:14 h.

A configuración atmosférica prevista para os próximos días non se aprecia todos os invernos. «Se ao final se cumpre a previsión, a próxima fin de semana poderíanse bater rexistros históricos», adianta o meteorólogo Juan Taboada. O primeiro que chama a atención é a profunda borrasca que se está formando no Atlántico. Trátase dun fenómeno que cumpre todos os requisitos para ser cualificado como bomba meteorolóxica. Nin é un concepto actual nin unha invención dos medios de comunicación. Son termos con moita historia que xurdiron no seo da comunidade científica. Varios dos descubrimentos fundamentais na ciencia da atmosfera producíronse coincidindo cos conflitos armados do século XX.Nos anos da Segunda Guerra Mundial, cando o mundo asistiu á detonación da bomba atómica e todo parecía estar a piques de estalar, os meteorólogos empezaron a referirse con adxectivos como explosiva ou sustantivos como bomba ás borrascas máis potentes. O  concepto saíu da escola de Bergen, en Noruega , onde impartiron clase os pais fundadores da meteoroloxía moderna e popularizouse cando en 1980 dous meteorólogos do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts mencionárono nun artigo para definir un ciclón que perde máis de 24 milibares de presión en só un día. A ciclogenésis ou proceso de formación que está a experimentar agora mesmo a borrasca, deixará a súa presión mínima central en tornos aos 935 milibares, comparable á dun furacán de categoría 3. Alí por onde pase, os refachos de vento serán moi fortes e as ondas xigantes.

Os ventos do oeste conducen a ese profundo sistema de baixas presións ata Europa. Galicia debería percibir os efectos pero en realidade apenas vai notar a presenza dese xigante da atmosfera debido a outra anomalía, neste caso de altas presións. O anticiclón vai gañando peso a medida que transcorre a semana, ata situarse co seu centro de acción sobre Alemaña cunha cifra elevada, de 1.044 milibares. O pulso entre altas e baixas presións gañarao o anticiclón e, xa que logo, non haberá temporal na comunidade galega, polo menos en terra. «A partir do xoves a ondada será máis intenso», recoñece Taboada. O ciclón erosiona a superficie oceánica e xera un mar de fondo que chegará ata a costa galega. Xa foi oficialmente bautizado como Julia polo servizo meteorolóxico de Portugal, onde terá unha afectación maior, sobre todo nos Azores.

Altas temperaturas

Pero Europa si vai notar, e moito, os efectos de Julia por medio dun máis que notable ascenso das temperaturas. A borrasca e o anticiclón crearán un corredor de aire cálido que deixará valores moi elevados para a época do ano. A anomalía positiva será de quince graos en moitos países, como mínimo. «En zonas do continente, como Francia, sur de Inglaterra , Alemaña ou Benelux poderíanse chegar ata os 20 graos», confirma Taboada.

En Galicia esta situación traducirase, do mesmo xeito que a semana pasada, en tempo moi seco e cálido. O ceo estará despexado e os ventos de compoñente sur encargaranse de elevar o termómetro ata rexistrar máximas máis propias dunha primavera avanzada que do inverno. Só quedará saber se nesta situación haberá algunha marca histórica.