Feijoo entra por teléfono en «Land Rober» para falar con Luis Zahera

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

TVG

O presidente da Xunta chanceou con Roberto Vilar e co actor gañador do Goya, que noutro momento do xogo simulou que falaba por teléfono con Abel Caballero: «Eu a túa película non a podería facer. Por que non fas un fin de ano con moitas badaladas?»

16 feb 2019 . Actualizado ás 12:22 h.

 Alberto Núñez Feijoo volveu a  LandRober . Aínda que esta vez vía telefónica. O presidente da Xunta entrou neste espazo televisivo de TVG ao participar na sección Mira quen chama celebrities, na que participaba o actor Luis Zahera, e na que o presentador e o invitado deben ir adiviñando se o outro está a falar realmente ou non co famoso que indica o programa. «Boas noites, Alberto. Onde estás? Como non estás aquí con todos nós?», preguntoulle o intérprete. «Pois porque hoxe é o teu día, tes o Goya, estamos encantados», respondeu Feijoo, que destacou os éxitos galegos na gala de premios do cine español. Roberto Vilar díxolle: «Boas noites, son Roberto Vilar, de Land Rober, ese programa que ten que durar moitos anos».

A chamada comezou así, na voz de Zahera: «Estabamos discutindo Rober e eu que cando fagan o teu biopic, quen vai facer a película, Roberto ou eu. Home, eu creo que polo parecido debería ser eu, non sei como o ves ti». A continuación, dirixiuse a Roberto Vilar: «Estoy falando co presidente, pódoche tumbar o programa cando me dea a gana». E seguiu coa súa conversación con Feijoo: «Nada, que me di Roberto que moitísimas gracias por colaborar con Land Rober, por colaborar con Galicia e por colaborar coa gaseosa». Vilar non se creu que era o presidente. 

Zahera, continuando co xogo, colleu o teléfono un pouco máis tarde e a pregunta era: «É Abel Caballero o que chama?». Roberto Vidal tiña que adiviñalo. O actor comezou a falar: «Si, vas despois de Alberto, vas despois de Alberto. Para que imos falar galego cunha persoa como ti? Si, hai moitísimas lucecitas aquí [en alusión ás famosas luces do Nadal de Caballero en Vigo]. Podémoschas deixar en ano que vén. Abel, que tal Caín? Foille mal, non? Por que non fas un fin de ano con moitas badaladas? É que eu son máis de Alberto. Eu a túa película non a podería facer. E ti tes moita película, colega. Pero véxoche máis de debuxos animados. Véxoche máis de animación. Dáche a sensación a ti de que estou a dicir barbaridades, barbaridades díxenlle ao de antes, ao das badaladas (por Ramón García)». Evidentemente, Abel Caballero non estaba alén do teléfono e Vilar acertou.

Cando Feijoo acudiu ao estudio de Land Rober , Zahera caracterizouse como o político nun xogo no que o invitado, cunha venda nos ollos, ten que adiviñar grazas a unhas pistas que personaxe famoso tiña diante.

Zahera falou de verdade por teléfono con Iago Aspas , ante a incredulidade de Vilar, e reviviu o seu agradecemento ao recibir o Goya pola longametraxe O reino, facendo unha nova versión humorística en camiseta no estudio do programa.