Os coruñeses Anxo e Leonardo namoran ao xurado de «La Voz»

a voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

O dúo fixo unha versión de «Toxic» de Britney Spears nas audicións a cegas o concurso

13 feb 2019 . Actualizado ás 16:24 h.

Anxo Mosquera e Leonardo Mera deron un paso adiante en La Voz. Interpretando en acústico Toxic, de Britney Spears, este dúo de coruñeses encandeou ao xurado do talent-show que se emite na canle de televisión Antena 3.

O primeiro en caer aos seus pés foi Luis Fonsi, que aos poucos segundos de iniciar a súa actuación pulsou o botón que vira o asento para poder ver a actuación de fronte. Seguiulle Paulina Rubio. E, aínda que se resistiu, finalmente Antonio Orozco tomou a mesma decisión.  

Emocionados, os concursantes fundíronse nun forte abrazo. Tal e como explicaron e o programa Leo e Anxo coñecéronse despois dunha cea entre amigos e posteriormente descubriron a súa afección en común: a música.

Animáronse a cantar xuntos e ambos viron que podían utilizar a música como arma para superar a súa timidez. Durante o último ano tiveron que ensaiar por skipe, ao vivir un en Irlanda e o outro en Galicia.

Tal e como indican desde La Voz, Leo toca a guitarra, é máis comedido e responsable e chega ao programa co fin de pasalo ben, en cambio, Anxo é máis ambicioso e quere chegar o máis lonxe posible.

Empezan os asaltos

O programa deste martes foi a última entrega das audicións a cegas de La Voz. A próxima semana arrinca a fase dos asaltos. Os quince aspirantes elixidos por cada coach enfrontaranse individualmente en grupos de cinco e só dous serán elixidos. Ademais, cada coach poderá roubar a dous talents máis de entre os descartados polos outros tres coaches, ata completar equipos de oito membros.