Se o Ártico se quenta, Galicia arrefríase

BIODIVERSA GALICIA

PETER FOLEY

O retroceso do xeo, que se multiplicou por catro desde 2003, tamén ten efectos na atmosfera. Galicia podería ter invernos cada vez máis xélidos.

30 ene 2019 . Actualizado ás 13:29 h.

Esta semana a revista Proceedings of the National Academy of Sciences, que publica semanalmente a Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, ofreceu unha actualización do estado do Ártico. Os datos, extraídos de observacións de satélites, mostran que as proxeccións sobre a evolución do xeo na zona hanse quedado moi curtas. O retroceso en Groenlandia multiplicouse por catro desde 2003. Un dos autores do estudo, Michael Bevis, asegurou que «a redución da capa de xeo está acadando un punto de inflexión e talvez xa sexa demasiado tarde para solucionar o problema». A progresiva perda do xeo non só inflúe no nivel do mar senón tamén no tempo atmosférico. E como a atmosfera non ten fronteiras, o que pasa no Ártico afecta a Galicia.

A Terra ocupa o seu tempo buscando o equilibrio. Debido á inclinación do eixo de rotación, a radiación solar non incide da mesma forma en todo o planeta: no ecuador é moito máis intensa que nos polos. Para compensar este desfasamento térmico, move aire frío cara á latitude cero e cálido cara aos extremos do mundo. Nas latitudes medias, onde conflúe o aire xélido que descende e o quente que ascende, circula o jet stream, unha das correntes en chorro que percorren o mundo. A que afecta a Galicia desprázase de oeste a leste, sinalando o camiño ás borrascas. Pero o quecemento global está atenuando a diferenza de temperatura entre o ecuador e os polos. Xa que logo, estas correntes de aire, se destensan. Cada vez con máis frecuencia presentan grandes meandros como os dun río. Isto chámase Efecto Ártico.

No hemisferio boreal, se unha rexión se atopa na parte descendente do jet stream, recibe aire frío de orixe polar. Xa que logo, nun contexto de quecemento, os invernos poderían ser cada vez máis fríos. O cambio climático tamén ten os seus paradoxos. Agora mesmo a corrente en chorro presenta precisamente unha gran ondulación. Ascende no Atlántico, bordeando o anticiclón dos Azores e descende polo Reino Unido e oeste de Francia ata a Península. Esta configuración xera o corredor de ventos intensos que desprazan a masa de aire polar marítimo, que provocan a neve na metade norte e mesmo o temporal marítimo na costa galega das últimas horas.