A esclerose múltiple, un camiño con moitas saídas

Marta Otero Torres
marta outeiro REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

A Obra Social ?A Caixa?, axuda á asociación de Santiago a mellorar a vida das persoas

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Esclerose Múltiple é unha enfermidade dexenerativa e crónica do sistema nervioso, de orixe autoinmune, que afecta o cerebro e a medula espinal. Na Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) intentan ofrecer a quen a sofren opcións para mellorar a súa calidade de vida, con axuda da Obra Social ‘A Caixa'.

Aínda que esta enfermidade afecta maioritariamente ás mulleres, en ACEM o número de usuarios está bastante repartido. «É verdade que afecta máis ás mulleres -explica a presidenta, María Teresa González Salvadores- pero os homes adoitan solicitar máis axuda. Na asociación a cifra é bastante igualitaria, e a franxa de idade vai desde os 30 aos 60 anos».

Cando un paciente se achega a buscar axuda, o primeiro que pide é información. O primeiro paso é unha entrevista cun traballador social, que lles atende e deriva en función das súas necesidades. «Un dos servizos máis necesarios -explica González- é a asistencia psicolóxica, porque normalmente vimos bastante desorientados e asustados. Cando se fala de esclerose múltiple a enfermidade asóciase sempre a acabar nunha cadeira de rodas e iso non é así, non é unha realidade». O contacto con outros pacientes axúdalles a ver mellor a realidade, porque «ao estar todos os días con persoas como ti, que teñen as mesmas afeccións, dásche conta que hai moita xente que está máis ou menos ben».

Tamén son moi importantes o logopeda e o fisioterapeuta, aínda que este ano descubriron a importancia das actividades en grupo. «Comezamos a deseñalas para a Social Week que organiza A Caixa -afirma a presidenta-. O problema que tiñamos era o contacto co resto da sociedade. Cando vés ao fisio, ao logopeda ou ao psicólogo vés ti só, e esta é unha forma de convivir». Todo comezou case de casualidade, empezaron a experimentar con xogos para traballar o trastorno cognitivo, con actividades para axilizar o pensamento e a memoria. «Vimos que funcionaba fenomenal, porque ademais de facer amigos a xente estaba moi contenta, entón creamos actividades permanentes como o taller grupal que temos todos os mércores. Descubrimos a importancia de coñecer a máis xente, facer amigos dentro da asociación e falar dos problemas que temos en común».

Ademais, grazas á axuda da Caixa a asociación puido reformar o edificio da súa sede e habilitar todas as salas para mellorar os servizos que dan aos usuarios. Que se mellora a súa calidade de vida? «Eles pensan que non, que como é unha enfermidade dexenerativa nada vai ir a mellor, pero se que mellora, moito. Non son moi conscientes da importancia que é facer exercicio, vir a pilates, ao fisio ou mesmo ao logopeda, porque tamén temos problemas para tragar e iso pódese mellorar».