Os españois queren a hora de verán todo o ano

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

EUROPA PRESS

A enquisa do CIS tamén revela que o 80 % cre no cambio climático e que aínda se pode parar

07 dic 2018 . Actualizado ás 10:41 h.

No caso de que nalgún momento se decida suprimir o cambio de hora, os expertos aconsellan que a opción máis razoable sería apostar polo horario de inverno. Pero este razoamento non parece convencer os españois, xa que a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas revela que dúas de cada tres (un 65,4 %) quedarían co horario de verán durante todo o ano, co que prefiren vivir cunha hora máis da que marcan os reloxos entre outubro e marzo. En Galicia isto suporía, por exemplo, que en parte de decembro ás dez da mañá aínda sería de noite.

Desde a UE estase expondo a posibilidade de acabar con este sistema e manter o mesmo fuso horario durante todo o ano. Ante esta proposta, o CIS preguntou aos españois pola súa opinión, ao que o 62,5 % mostrouse a favor de pór fin ao cambio horario, fronte ao 19,1 % que desexa que «todo siga como ata agora».

En canto á preferencias sobre con que horario quedar, só un 13,8 % prefire o de inverno, mentres que a un 16,1 % resúltalle indiferente.

No último barómetro tamén se preguntou aos españois sobre o cambio climático. Neste caso, máis do 80 % dos consultados cre neste fenómeno e case unha cuarta parte, o 23,2 % mesmo se mostra disposto a substituír os coches de gasolina ou diésel por vehículos eléctricos ou híbridos para atallar os seus efectos.

Un 62,7 % dos cidadáns que creen no cambio climático asegura que nestes momentos aínda se pode parar e dar marcha atrás, fronte a un 21 % que considera que é xa unha situación irreversible. A nivel global, o 62 % dos enquisados opina que para paliar o quecemento deberíanse reducir as emisións de gases contaminantes da industria, e un 42,5 % estaría a favor de usar e potenciar as enerxías renovables, como a eólica ou a solar.