«Temos datos de 10 millóns de persoas que comentan noticias»

Javier Armesto Andrés
javier armesto REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

JAVIER ARMESTO

A compaña coruñesa Torusware creou un «software» que detecta informacións falsas nos medios e as redes sociais

01 feb 2019 . Actualizado ás 10:30 h.

A compaña coruñesa Torusware desenvolveu unha plataforma de detección de fake news baseada en crowd computing, Big Data e I+D do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC. O seu cofundador e director, Guillermo López Taboada, dá as claves sobre este fenómeno.

-Como funciona o detector de noticias falsas?

-É unha plataforma que recolle datos de distintas fontes de información. Buscamos a intelixencia cooperativa, o que a xente comenta, tanto nas redes sociais como nas distintas noticias que pode ter un blogue ou un xornal dixital. Recollendo eses comentarios e clasificando aos usuarios (se son expertos no tema, se son trolls que están constantemente queixándose dun determinado tema...) buscamos sacar información de valor que pode etiquetar que unha noticia sexa verdadeira ou falsa.

-E como o distinguen?

-Hoxe en día os principais medios de comunicación teñen centos de miles de usuarios, publican algo e saen 10.000 persoas comentando. Hai que sacar o gran da palla e discriminar. Por exemplo, se hai unha noticia sobre que unhas vacinas provocan autismo e sabes que o que está a comentar e negándoa é un médico ou unha profesional da sanidade... O complicado é ter esa información.

-Traballan só con medios de comunicación ou tamén coas redes sociais?

-Calquera noticia publicada vai aparecer nalgunha das principais redes sociais. A nosa forma de captación de informacións é a través das redes, pero a fonte vai ser un medio dixital. Recompilamos toda a información sobre as reaccións que ten esa noticia e a xente que está a comentar; entón temos xente que pode ser clasificada como que está en contra dunha marca (por exemplo, xente que está sempre protestando contra os bancos...) e aí vas ponderando e vendo se alguén está a cualificar iso como un fake porque cualifica todo como falso ou realmente é experto e coñece o tema, e entón dáslle máis valor. Hoxe en día as técnicas que hai de fact checking consisten en que un humano dedique tempo para validar se é correcto, pero iso non está ao alcance de todos os usuarios e lectores. Ao final ti ves algo e dis, «isto é falso porque eu coñezo esta noticia ou son experto neste apartado, e sei que o que están a dicir non é correcto».

-Que volume de datos manexan?

-Temos ao redor de 40.000 noticias dos principais medios que seguimos e datos de ao redor de 10 millóns de perfís distintos que comentan sobre esas noticias. É un volume bastante relevante e aquí o importante é ter un histórico. Centrámonos sobre todo en medios de comunicación nacionais e noticias en castelán.

-Van seguir en aumento as «fake news»?

-Hai estudos que din que coa explosión de xeración de contidos cada vez é máis probable que haxa máis, pero tamén é certo que cada vez son máis filtradas ou dirixidas. Desde as últimas eleccións norteamericanas han ir cambiando os algoritmos e os mecanismos que utiliza Facebook, por exemplo. Nos últimos dous anos aumentou a conciencia de que hai noticias falsas e do impacto que poden ter, hai un maior control de como se difunden e unha maior preocupación. Hai proxectos de recoñecemento, para validar se son auténticas ou non. Isto non quere dicir que vaian ter cada vez un menor impacto.

-Cal é o móbil principal destas informacións?

-Económico. Pode ser un medio dixital que está a buscar crear polémica e os lectores consumimos esa información porque nos chama dez veces máis a atención algo que roza o inverosímil, e a publicidade asociada é a vía de ingresos dese medio; ou, doutra banda, igual que unhas veces se fai contido esponsorizado para promover certas marcas, tamén está a «antiesponsorización», atacar a imaxe dunha compaña. Somos cada vez máis consumidores de produtos a través do e-commerce, consultamos máis a través de Internet e nese sentido si hai un crecemento [de fake news] porque vai en relación a como vai no mundo a economía dixital.