China castigará ao científico que creou os bebés de deseño e prohibiralle seguir coa súa investigación

La Voz PEQUÍN / DPA

SOCIEDADE

ANTHONY WALLACE | afp

Os seus experimentos son de «unha natureza extremadamente repugnante» e violan a lexislación chinesa e a ética científica, considera o Goberno

30 novs 2018 . Actualizado ás 10:39 h.

O Goberno chinés decidiu prohibir realizar investigacións ao científico Hei Jiankui e os seus colaboradores tras o anuncio do suposto nacemento de dous bebés xeneticamente modificados.

Os experimentos anunciados por Hei -que non están confirmados nin contrastados- son de «unha natureza extremadamente repugnante» e violan a lexislación chinesa e a ética científica, dixo á axencia estatal Xinhua o viceministro de Ciencia, Xu Nanping.

Previamente, as Autoridades Nacionais Sanitarias e a Sociedade China para a Ciencia e a Tecnoloxía (CAST) distanciáronse xa de Hei. Máis dun centenar de científicos chineses criticaran con dureza o anuncio. Tamén un grupo internacional de xenetistas criticou onte ao investigador.

Hei desatou a indignación entre científicos e comités éticos en todo o mundo co seu anuncio do nacemento de dúas nenas, Nana e Lulu, ás que se modificou o ADN cando eran embrións para facer que fosen resistentes ao VIH. Segundo explicou Hei, o que se fixo foi desactivar un receptor celular importante para a infección do VIH.

No seu anuncio por YouTube, Hei asegurou facelo utilizando a ferramenta de edición xenética CRISPR-Cas9, de recente creación e aínda por perfeccionar. Os expertos dubidan das utilidades médicas do suposto experimento e advirten dos riscos para a saúde das nenas e os seus descendentes.

Aínda non se sabe se o anuncio de Hei é certo, xa que a súa investigación non foi publicada nin constatada por ningunha revista científica. De ter sido así, as novas características xenéticas destas nenas poderían ser transmitidas aos seus descendentes.

«A situación actual, tal e como a describen os medios, é unha grave violación da lexislación nacional, regulamentos e directivas éticas», dixo onte o vicedirector das Autoridades Nacionais Sanitarias, Zeng Yixin, en declaracións á canle estatal CCTV.