Un psicólogo de garda para vítimas de malos tratos

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

EUROPA PRESS

Galicia implanta un servizo pioneiro para atender desde o primeiro instante a mulleres e a menores

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un servizo de garda psicolóxica e permanente ofrecerá asistencia a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero con carácter inmediato tras detectarse a situación. Será unha atención pioneira en España, destacaron a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía, Rosa Álvarez Prada, tras asinar este luns un convenio para implantar esta asistencia.

Este novo servizo activarano as forzas de seguridade en todos os partidos xudiciais. Farano a través dunha chamada ao Teléfono de Información ás Mulleres, o 900 400 273, operativo permanentemente, desde onde se buscará a asistencia psicolóxica especializada. Prestarase no domicilio das vítimas ou onde se indique. Preténdese que sexa un servizo de proximidade, e facilitará o acompañamento e asesoramento que necesiten desde o primeiro momento, ademais da coordinación con outros recursos que poidan necesitar para a atención posterior.

A decana do Colexio de Psicoloxía destaca que se trata dun avance relevante, pois xa no 2015 un documento do Ministerio de Sanidade aconsellaba ofrecer máis apoio ás vítimas no primeiro momento, para evitar a súa desprotección e garantir o dereito a unha asistencia social integral. Así consta, ademais, no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que asume a Xunta, indica Igualdade.

Rosa Álvarez manifesta así mesmo «a necesidade de non esquecer a prevención e a sensibilización xa desde a etapa escolar, e traballar máis nas aulas con todo o alumnado dos centros de ensino galegos».

Esta asistencia é a maiores doutros programas, de terapia, para homes agresores e para mulleres e menores vítimas, que se realizan con convenios semellantes desde os anos 2001 e 2004.