Os centros Voz Natura envórcanse co Samaín

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Os talleres para facer manualidades con material reciclado son algunhas das actividades que se desenvolverán

29 oct 2018 . Actualizado ás 10:57 h.

Non, o vindeiro mércores en Galicia non é o día de Halloween. É o Samaín, unha festividade de orixe celta para celebrar o final da tempada de colleitas. Unha festa na que tamén se envorcarán os centros escolares que participan no programa de educación ambiental Voz Natura da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Iso si, o material reciclado será o protagonista das actividades. É o caso dos alumnos do CPR Cervantes, de Lugo, que o luns organizarán un taller de manualidades no que, como novidade, potenciarase a relación entre os alumnos de primaria e de infantil. As manualidades realizadas, desde pantasmas con botellas, chaveiros de cabaza, caretas ou monstros con tubos de papel hixiénico realizaranse con material reciclado. O mércores, os alumnos de 5.º e 6.º de primaria participarán nun obradoiro de manualidades intergeneracional cos usuarios do centro da terceira idade Orpea.

No CEIP de Palmeira (Ribeira) organizarán unha exposición aberta ao público con cabazas decoradas polos alumnos e nas aulas tamén se tratará o tema. «En inglés tratarase a conexión do Samaín co Halloween. É importante a conexión intercultural», destaca a coordinadora do centro, Cati. «Este curso -engade- toda a entrada do colexio está completamente a escuras cunha soa luz laranxa que parte cunha cabaza, e está ambientado con música de medo».

No EEI Concepción Crespo Rivas de Pontevedra realizarase unha procura do tesouro pola zona do parque da Constitución para celebrar o Samaín e gozar e coñecer a natureza dun xeito lúdico.

A rede de escolas infantís Cativos decorará os seus centros con teas de araña, murciélagos e elementos referidos ao inframundo. E tampouco faltarán nin as manualidades nin as festas de disfracen, que «esixen unha boa dose de traballo manual e creatividade». Por exemplo, no centro San Rosendo (A Guarda) van utilizar bolsas de lixo como parte fundamental da vestimenta. Na comida tamén se notará a festividade, xa que haberá menús con cabaza e obradoiros de cociña alusivos ao tema.

No CRA Nosa Señora do Faro (Ponteceso), familias e profesores levan nos días previos produtos da colleita deste ano. Entre outras moitas actividades haberá algunhas sobre a importancia do Samaín en Galicia, proxección de documentais referentes á festa e unha celebración conxunta con cancións e danzas do Samaín.

Voz Natura conta este curso co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces e o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Nas redes sociais o hashtag é #FaiGaliciaVerde.