Letizia, cun top de Zara para coñecer ao seu ídolo Scorsese

Martín Bastos

SOCIEDADE

J.L.Cereijido | EFE

Meghan Markle loce bailarinas feitas con botellas de plástico

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Calquera cinéfilo que se prece, e a raíña éo, tería dado algo por poder coñecer en persoa a Martin Scorsese, que hoxe recibe en Oviedo o premio Princesa de Asturias. Onte asistiu a un encontro con mozos directores conducido polo director de raíces galegas Rodrigo Cortés e Letizia non quixo perderllo, igual que ocorreu fai tres anos con Francis Ford Coppola. Vantaxes de ser raíña. As imaxes de onte falan por si soas e nelas pode verse á súa maxestade ovacionando ao director de Taxi Driver coa mirada entregada dunha fan xenuína. Non se se durante os minutos que compartiron Letizia terá falado con Scorsese da súa admiración común polo director xaponés Akira Kurosawa, unha afección que, como se sabe, xa comparte a princesa Leonor. Para o encontro, Letizia apostou pola moda alcanzable e luciu un top de cadros grises de Zara con lazada na cintura que custa 25,95 euros e que combinou cun pantalón negro. Xa pola noite, no tradicional concerto Premios Princesa de Asturias, a raíña volveu apostar pola sobriedade cun sinxelo vestido negro a media perna. Iso si, acompañouno con algunhas das máis espectaculares «xoias de pasar», esas que só poden lucir as raíñas de España. Foi a primeira vez que a raíña non vestiu de Felipe Varela para este concerto, así que haberá que estar atentos á súa vestimenta de hoxe.

duquesa sostible

Meghan Markle empeza a acusar os efectos secundarios do embarazo e nos últimos días, durante a súa intensa xira por Australia, tivo que baixar varias veces dos seus altísimos tacóns para calzarse de cando en vez unhas bailarinas totalmente planas para que non lle doian os pés nin as costas. Onte soubemos que eses cómodos zapatos son da firma Rothy's e están confeccionados con material procedente de botellas de plástico. Co efecto Meghan, a foto dos zapatos na conta de Instagram da empresa conseguiu nun só día 18.000 gústame e comentarios entusiastas. A xornada de onte deixou, ademais, novas imaxes dos duques de Sussex saudando aos nenos de Australia nas que se ve claramente que están a desexar ter ao seu propio.

amor con condutor

Emma Watson está a piques de perder a todos os seus admiradores no sector do taxi, pero o amor ten as súas peaxes. A pesar do celo con que intenta gardar sempre a identidade das súas parellas, a Hermione de Harry Potter, de 28 anos, foi fotografada tomándose un refresco en México en actitude moi cariñosa co seu novo noivo, que non é outro que Brendan Wallace, un empresario de 33 anos máis coñecido por ser o cofundador da empresa de vehículos con condutor Cabify. A actriz está a rodar alí unha nova versión de Mujercitas .