Os bispos españois crean unha comisión para loitar contra a pederastia

La Voz

SOCIEDADE

Luca Piergiovanni | EFE

Este novo órgano elaborará un novo protocolo de actuación e responderá a «cada queixa de abuso contra o persoal da Igrexa»

22 oct 2018 . Actualizado ás 16:54 h.

A Igrexa católica en España creará unha comisión que terá entre as súas misións elaborar unha nova normativa para a prevención e protección dos abusos sexuais a menores dentro desta institución. Segundo informou hoxe a Conferencia Episcopal e tal e como recolle a axencia EFE, esta comisión tamén revisará os seus protocolos de actuación ante estes casos.

Esta nova normativa substituirá aos protocolos de actuación actuais, que foran redactados no 2010 conforme á lexislación do Estado e ao ordenamento canónico. Estas normas guiaban a bispos, sacerdotes, relixiosos e institucións eclesiásticas sobre como proceder en caso de detectar agresións ou abusos sexuais a menores ou posesión de pornografía infantil, entre outros supostos.

Esta nova comisión tamén se encargará de preparar os materiais de traballo que Ricardo Blázquez, presidente da Conferencia Episcopal (CEE), presentará na reunión convocada polo papa Francisco e que terá lugar no Vaticano entre o 21 e o 24 de febreiro. A ela está previsto que acudan os presidentes de todas as Conferencias Episcopais para tratar os casos de abusos no seo da Igrexa. 

Este novo órgano da CEE estará presidido por Juan Antonio Menéndez, bispo de Astorga e comezará a funcionar esta mesma semana. Teñen pensado responder os casos de abusos a menores desde o punto de vista xurídico e canónico e comprométense a responder «a cada queixa de abuso contra o persoal da Igrexa».

O nome de Juan Antonio Menéndez saltou aos titulares informativos a conta dun caso de abusos nun colexio de Puebla de Sanabria. O sacerdote acusado de abusos entre os anos 1981-1984, José Manuel Ramos Gordón, foi suspendido durante dez anos. O bispo de Astorga, Menéndez Fernández, foi o encargado de informar o caso e comunicar a decisión do Vaticano tanto ao sacerdote implicado como á vítima daqueles abusos. 

A Conferencia Episcopal insiste en que a Igrexa católica ten o compromiso de «coidar e educar, con respecto e exercendo o seu ministerio, protexer a todos menores e adultos vulnerables, crear comunidades seguras e solidarias que ofrezan unha contorna de amor onde haxa unha vixilancia informada sobre os perigos do abuso». Tamén a ofrecer asistencia e apoio pastoral, «incluíndo supervisión e remisión ás autoridades apropiadas, a calquera membro da comunidade eclesiástica, que se sabe que cometeu un delito contra un menor, novo ou adulto vulnerable».