Ofelia Rey : «O alumnado vai a peor»

SOCIEDADE

Pinto & Chinto

«O pasado é o máis interesante que hai no mundo, somos os únicos investigadores sociais que coñecemos o futuro das cousas», mantén a catedrática de Historia

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ofelia Rey (Arnois, A Estrada, 1956) é desas persoas que falan moito, moi rápido e que, amais , son económicas, é dicir, non gastan palabras inútiles. Así que hai que estar moi atento ao seu discurso para non quedar en fóra de xogo. Experta en demografía, historia moderna, historia das mulleres e moi recoñecida a nivel internacional, recíbeme no seu despacho da facultade onde, di, pasa entre 10 e 11 horas diarias. O día que se fixo a entrevista, a catedrática cumpría anos.

-Como o vai celebrar?

-Traballando. Supoño que despois tomarei algo co meu irmán e a súa familia.

-Non ten fillos?

-Non. A min gústanme os fillos dos demais, ja, ja. Gustoume ter netos, pero claro, son indispensables os fillos.

-Traballa moito.

-Non queda outra. Hai xente que traballa en casa, pero eu non podo; non me concentro. O espazo universitario é o que invita de verdade a traballar. Tamén pola proximidade dos libros.

-Traballa co pasado.

-Pois si. É que o pasado é o máis interesante que hai no mundo. Somos os únicos investigadores sociais que coñecemos o futuro das cousas. Por iso desoriéntannos algúns argumentos que se din hoxe en día. Con chamar a unha facultade de Historia terían a resposta.

-Que quere dicir?

-Póñolle un exemplo: cando foi a guerra dos Balcáns, eu non podía ver a televisión con tranquilidade. Discutían políticos con xornalistas e eu pensaba, por que non nos chaman aquí? Explicámoslles causas que seguían vixentes desde o século XII ata hoxe. Ou como o problema demográfico. Se nos preguntasen, explicariámoslles que non ten solución, porque o problema ten a súa orixe no século XVIII e está sólidamente asentado na mentalidade da xente. As políticas de fomento da natalidade son inútiles.

-E cal é a solución?

-A inmigración. Pero os que chegan copian o que máis lle convén. Os métodos de control de natalidade, por exemplo. En Marrocos ou en Ecuador están a rexistrarse notables caídas da natalidade. Algo que xa pasou aquí coas galegas que viñan de Alemaña.

-A que lle gustaba xogar de pequena?

-Nunca fun moito de xogar. Tiven algúns problemas físicos e ademais falta de tempo, porque os meus pais tiñan unha tenda e desde moi pequenas xa traballabamos alí. Pero pasábamo moi ben. E aos 9 anos xa vin para Santiago a estudar.

-Moi pequena.

-Si. Era cando empezaba o bacharelato. Vin a unha pensión. Se vise onde vivía, non llo crería; sentía unha nostalxia terrible.

-Así que o momento de entrar na Universidade non foi tan impactante.

-Non. Mesmo diría que un pouco decepcionante. Logo mellorou.

-Vostede traballa con xente nova. Iso faina novo.

-Si. É moi estimulante. Pero ten unha contrapartida. Ás veces non es consciente da túa verdadeira idade e chéganche os 70 e non che queres xubilar.

-Os seus alumnos son cada vez mellores?

-Non, o alumnado vai a peor. O seu nivel formativo é atroz. Hai varias cousas que se sacrificaron nos últimos anos, como a importancia da memoria. Ou o uso das novas tecnoloxías, que non sempre é o adecuado. Nós, polo menos, non matamos a ninguén, pero se falas cos profesores da Facultade de Medicina verá que lle contan o mesmo.

-Que lle gusta facer fóra do seu ámbito profesional?

-Ler. Historia, porque a Historia ten as mellores narracións. Tamén leo ficción: Philip Roth, Ian McEwan... E pasear pola praia, reláxame moito.

-Defínase en catro palabras.

-Traballadora, curiosa, impaciente e un pelín intolerante.

-Defina Galicia agora.

-Non é o país completo, porque podería chover un pouco menos, pero eu non querería vivir noutro sitio. É difícil atopar en 25.000 quilómetros cadrados unha sociedade tan integral, culturalmente tan firme e cun conxunto de puntos comúns tan ben ensamblados. Á marxe da calidade de vida que nos demos nós mesmos.

-Cal foi o día máis feliz da súa vida?

-(Rotunda) O día que lin a tese, 24 de maio de 1984.

-Que tal cociña?

-Gústame comer ben, pero non cociñar. Son moi impaciente.

-Gústalle bailar?

-Antes si. Agora non bailo nada.

-Celta ou Dépor?

-Os dous.

-...?

-Bo, se teño que elixir, o Celta .

-Elixa un superpoder: superfuerza, poder voar, ser invisible ou ver o futuro.

-Ser invisible podería ser interesante.

-Un lugar favorito.

-París. Vou un mes ao ano.

-Unha canción.

-Nin idea. Non escoito música.

-Que é o máis importante na vida?

-A tranquilidade na familia. E a saúde.