Así se comproban os plaxios das teses

SOCIEDADE

SANDRA ALONSO

Estudantes, docentes e institucións recorren a programas informáticos capaces de detectar porcentaxes de similitude entre textos. As tres universidades galegas invisten 25.000 euros anuais en licenzas para evitar plaxios

14 sep 2018 . Actualizado ás 13:35 h.

Copiar e pegar, fusilar: práctica estendida especialmente no ámbito académico -sobre todo no universitario- e tamén coñecida como «plagiar», «copiar no substancial obras alleas -segundo a RAE- dándoas como propias». Engade o Tribunal Supremo, nunha sentenza do 28 de xaneiro de 1995, que se presenta máis ben como unha actividade material mecanizada e moi pouco intelectual e menos creativa, carente de toda orixinalidade e de concorrencia de xenio ou talento humano». Constitúe este costume o principal e máis grave atentado contra os dereitos de autor, ao suplantar ao propietario intelectual dunha obra para adoptala como propia. Se plagia cando se presenta un traballo que non propio como tal, pero tamén cando se reproduce un texto (un audio, un vídeo, unha imagne) literalmente sen citar a fonte e cando se transcriben parágrafos ou frases sen sinalar a súa procedencia.

A grandes liñas, o plaxio pode implicar responsabilidade penal (se se fai con ánimo de obter un beneficio económico, directo ou indirecto), civil e administrativa ou académica. Neste caso, son as propias universidades as que, a proposta do Consello de Universidades, establecen as normas que regulan as responsabilidades dos estudantes relativas ao cumprimento deste tipo de obrigacións. Non existe unha norma específica para actuar nestas situacións -os decanos levan anos reclamándoa-, pero a maioría das institucións considérano unha falta leve que, de repetirse e segundo a gravidade do caso, supón consecuencias máis ou menos graves. A Universidade de Santiago seguiu nun episodio recente un procedemento rexido por unha normativa de 1954, un réxime disciplinario que aínda está vixente e que establece vagamente que, ademais do suspenso, debe abrirse un expediente con audiencia de todas as partes e nomearse un instrutor que dirixa a investigación e propoña unha sanción. Nesta ocasión, o alumno foi expulsado durante un ano tras ter presentado unha ducia de traballos copiados. Na universidade de Vigo, desde o 2015 os alumnos deben asinar un compromiso de honestidade académica para completar o seu proceso de matrícula.

Pero, como se detecta a fraude? como se pilla ao mentireiro? Ademais do clásico método de introducir texto sospeitoso en motores de procura, como Google, hai programas e servizos antiplagio especialmente ideados para comparar parágrafos e recoñecer se existen similitudes con outros publicados. Turnitin é o máis completo e tamén o máis estendido: utilízano 15.000 institucións de 140 países diferentes, e a súa base de datos é xa superior aos mil millóns de entradas. A el recorren desde o ano pasado as tres universidades galegas. Este ano distribuíronse 6.000 licenzas a un prezo de 20.570 euros, o próximo ano o orzamento ascende a 28.943 euros para a adquisición de 7.500 licenzas.  

As licenzas, tal e como contou Tamara Montero neste diario o pasado febreiro, repártense entre os centros en función do volume de traballos que xestionan. Antes do seu defensa, os textos pásanse polo programa e se hai algún fragmento que non se citou adecuadamente, o algoritmo detéctao. E alerta diso. Turnitin mide canto do traballo non é orixinal, proporciona un índice de similitude. A máquina, xa que logo, só fai unha parte do traballo, a inicial: os docentes (ou o persoal designado a iso) deberían analizar individualmente os textos sometidos a este software para excluír referencias bibliográficas e páxinas preliminares ou anexos, e para revisar canto é realmente copia e canto non.

Turnitin comparase o traballo dun estudante coa súa base de datos, explican desde a súa páxina oficial, e, se hai fragmentos nos que a redacción é similar ou coincide con algunha das súas fontes, marcaraos para que sexan revisados. «Recomendamos usar un informe como indicador de que pode ter ocorrido plaxio e logo utilizalo como parte dun proceso máis extenso a fin de determinar se as coincidencias son aceptables ou non». Non será o mesmo atopar conceptos similares nas introducións de teses ou traballos de fin de máster que nas seccións de desenvolvemento ou conclusións.

A partir de que porcentaxe de semellanza considérase plaxio? Non hai unha porcentaxe establecida a nivel xeral, pero na maioría dos casos enténdese como tal unha similitude entre textos superior ao 15 ou ao 20 %. O responsable en España do programa, Lluis Val, que analizou a tese doutoral do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apoia que «tras os datos numéricos, ten que haber unha análise humana que interprete o alcance do posible plaxio». Turnitin non evidencia se un texto é plaxio ou non de xeito categórico, senón que mostra a porcentaxe de similitudes con respecto a material que xa existe comparando, a través da intelixencia artificial, un traballo cunha base de datos que inclúe miles de millóns de fontes de información dixital, ademais duns 500 millóns de artigos e material editorial baixo subscrición, e máis de mil millóns de traballos doutros estudantes. Val engade, segundo EFE, que un 20 % de plaxio nun traballo podería implicar menos apropiación de ideas que un 14% detectado nas conclusións, que se podería considerar «moito máis grave».