«Agora xa non vou ao médico»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Paco Rodríguez

O Sergas arrinca un proxecto piloto para controlar a distancia as variables clínicas de 250 maiores con patoloxías crónicas, moitos deles mesmo vivindo sos

17 jun 2018 . Actualizado ás 11:20 h.

Norma Susana González Ríos naceu hai 85 anos en Buenos Aires. Un nome tan moderno para aquela época tiña que ter unha explicación, e ela mesma a conta, «Norma era unha artista que había alí, e por iso mo puxeron», explica esta bonaerense filla de nai da Illa e pai de Vilagarcía. «Moito chorei cando tiña trece anos e zarpou o barco», lembra. Usa indistintamente galego e castelán e cando recorre a este último aínda pode apreciarse un ligerísimo acento porteño na súa voz. A vida tróuxoa á Illa de volta, onde casou. Emigrou a Alemaña, tivo catro fillos, netos e bisnietos, moitos deles xa practicamente xermanos. Regresou a Galicia co seu marido e cando este morreu chegou a Santa Comba, a vivir cun neto, a muller de leste e o seu bisnieta de cinco anos, «o meu olliño dereito».

Fai catro anos diagnosticáronlle unha insuficiencia cardíaca, o que a fatiga moito e obrígaa a ter moi controlados algúns dos seus parámetros clínicos como o peso ou a tensión. Felipe Rúa, médico do centro de saúde de Santa Comba, propuxo á familia hai máis dun ano implicarse nun programa chamado Telea para controlar algunhas destas variables a distancia co uso das novas tecnoloxías, e desde hai dous meses participan nun proxecto piloto a nivel europeo, Activage, con sete países e 49 socios diferentes.

Están encantadas, tanto ela como Ana Danis, a súa neta política, que se encarga de coidala e medir estas variables. Falan marabillas do seu médico, Felipe Rúa, «tiven moita sorte con este home, a primeira vez que fun velo díxome: cando me necesite estou aquí, e así foi. Nese momento dixen, este gústame». Aínda así, a Norma Susana non lle gusta acudir ao centro de saúde «nunca tiña ganas de ir, e agora, desde que temos este aparello, xa non vou ao médico».

Ana é a encargada de medirlle o peso en días alternos, a tensión unha vez á semana pola mañá e pola tarde, e o sintrom en función da pauta que marca o médico. Todos os datos van directamente, vía bluetooth, ao centro de saúde. Se alí detectan que algún parámetro está alterado, chámana, «convertinme nunha enfermeira improvisada, a verdade é que foi un alivio, é moito máis cómodo para min e para ela, ao estar sempre en contacto co centro de saúde é unha tranquilidade». Tamén un xeito de evitar complicacións. Antes, se algunha das variables estaba mal, non se daban conta ata que aparecían os síntomas. «É unha forma de previr recaídas e evitar visitas ao médico e ao hospital», engade Ana.  

E algunha vez deu xa sinal de alarma o novo sistema? No caso de Norma o máis importante é controlar o seu peso, «porque ao estar mal do corazón é importante que non reteña líquidos», explica a súa neta política, e un dos días das medicións avisáronlle para que modificase un pouco a medicación xa que se apreciou un aumento.

A insuficiencia cardíaca e unha primavera espantosa fixeron que Norma Susana saia pouco de casa. «Estou aburrida, a ver se vén o sol», lamenta. E é que se fatiga cando sae, polo que as veces que o fai utilizan o coche, «cando camiño moito, aí si canso de verdade». «O problema é que con este tempo un nada que pille de frío xa se resinte», engade Ana. En casa charlan, «roñan», ven a televisión, divírtense coa pequena... Hai boa sintonía entre elas: «pobre dela que non se porte», chancea Norma. As dúas admiten que o programa de seguimento incrementou non só a súa calidade de vida senón o control da enfermidade. E é que as novas tecnoloxías, no bo camiño, son un aliado para mozos e maiores.